Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

As penurias da Lomce

Queridos desgobernos:

Somos un grupo de alumnos/as de 2º bacharelato do IES Laxeiro de Lalín, aínda que poderiamos ser de calquera outro instituto de Galicia ou de España. A día do hoxe, 18 de Outubro de 2016, xa transcorrido un mes de clases, aínda non temos coñecemento do tipo de proba que nos permitirá acceder á Universidade. O profesorado non dispón das directrices correspondentes a ese exame, o cal provoca desconcerto e preocupación; non sabermos a data da súa realización, nin as materias das que nos deberemos examinar, tampouco os contidos, nin o tipo de preguntas.

Nós somos estudantes do ensino público, ao cal defendemos por enriba de todo, porque é a única posibilidade para que todas as persoas poidan ter acceso á educación. Se estiveramos no ensino privado, ao mellor non tería tanta importancia porque nos poderiamos pagar calquera universidade e non nos importaría a nota desa proba, pero para nós representa o noso futuro.

Por que en España non hai un acordo entre todos os partidos políticos sobre a educación? Por que quere o goberno implantar unha lei educativa que non está consensuada coas outras forzas políticas ( na actualidade no Congreso hai unha maioría que rexeita a LOMCE) nin está aceptada por toda a comunidade educativa? Por que se xoga deste xeito co futuro dos mozos e mozas, co futuro deste país? Por que non se asumen responsabilidades ante un fracaso como é o inicio dun curso sen ningún tipo de planificación? Que dimitan xa os responsables! Por que as leis educativas non contan coa opinión dos que están directamente implicados nelas: alumnado, profesorado, familias, pedagogos, etc.? Por que non deixan de facer leis nos despachos con intencionalidade política que non resolven os problemas reais da educación? Por que se ignoran as reivindicacións do alumnado e do resto da comunidade educativa en torno á LOMCE? Ter maioría absoluta nun goberno non significa non escoitar, nin non dialogar. Esta é a Democracia que queredes? Se é así, para que imos votar?

Con esta carta convidámosvos a que reflexionedes: aos gobernantes, ao profesorado, aos estudantes, á sociedade en xeral. Se queremos cambiar as cousas para melloralas é necesario, como diría Sócrates, o diálogo como base do compromiso polo ben común, do contrario estaremos nunha gaiola de grilos que só pode traer escravitude e ignorancia.

Compartir el artículo

stats