Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Vixencia de Filgueira e Risco

En febreiro de 1936, visto o camiño que levaba a República gobernada pola dereita clerical e reaccionaria, e perante a ameaza que representaba o fascismo, en España formouse un Frente Popular. Os nosos nacionalistas, liderados por Castelao e Bóveda, aspiraban a constituir o estatuto de autonomía que aquel réxime permitía. Consideraron eles que nunca as dereitas criptomonárquicas e arcaizantes ían permitir a posta en vigor dun estatuto galego de autonomía. Os galeguistas decidiron, por tanto, ir, moi ben apoiados por Azaña e por Izquierda Republicana, ao Frente Popular. Polo tanto o Partido Galeguista entrou no Frente Popular coa citada IR, con outros partidos republicanos, co Partido Sindicalista, cos comunistas, co PSOE, todos, naturalmente de dirección española. Isto parecíalle a Vicente Risco e a Filgueira Valverde traizoar a esencia da Galiza, que era, sen ningunha dúbida, cristiá. Filgueira e Risco escindíronse, e fundaron a Dereita Galeguista, porque daquela había o costume de lles chamar aos partidos e movementos políticos polos nomes. Filgueira e Risco tamén criticaron ao PG por unirse con partidos e forzas centralistas e alleeiras. Nas eleccións de 1936, o PG, nas listas do Frente Popular, sacou os seus propios deputados.

Uns meses máis tarde, e grazas ao triunfo do Frente Popular, o goberno da República convocou un plebiscito ou referéndum no que os galegos eran convocados a dicir si ou non ao seu estatuto autonómico. A maioría dos concellos, gobernados por partidos frentepopulistas, convertéronse en activas células a favor do Si. Como tiñan previsto Castelao e Bóveda, os partidos do Frente Popular volcáronse na campaña do Si; con diversas sensibilidades e entusiasmos. Moi concretamente, os cadros obreiros e intelectuais que constituían o espiñazo dun PCE en progreso ascendente, entregáronse, de ganchete co PG, na campaña pro-si. Portela Valladares, Paz Andrade e o Partido do Centro, non por quedar feito farrapos nas eleccións parlamentares deixou de facer propaganda a favor do Si. Inda máis, o propio Portela puxo o seu xornal "El Pueblo Gallego" ao servizo da causa autonomista, o cal ocasionou que o franquismo triunfante o 20 de xullo de 1936 se apoderase deste excepcional medio de comunicación republicano. Acórdome de todo isto agora ao mirar como cobra forza unha campaña propagandística contra En Maré que hostiliza esta formación acusándoa de estar ao servizo do españolismo de Podemos. Parecen estar reeditando o discurso de Filgueira Valverde e Vicente Risco contra os que non dubidaron en escoller a alianza cos partidos do Frente Popular en 1936; alianza que levou a que o pobo galego conseguira un Estatuto de Autonomía insuficiente pero históricamente necesario.

Compartir el artículo

stats