Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Revve Anabaraego, un deus das Burgas

Cando comezamos a pensar unha nova colaboración para este xornal, sempre nos asaltan as mesmas dúbidas. E teñen que ver co asunto a escoller: será de interese para o lector? Resultará amena a súa lectura? Será un asunto novedoso ou xa sabido e repetitivo?

Non poucas veces aproveitamos a ocasión de sondar aos amigos e coñecidos -aos que polo mesmo motivo pido disculpas dende estas liñas-, lectores potencias ou reais. Conversamos con eles sacando "sen querer" algún tema publicado no xornal anteriormente. Mellor se estamos a falar en grupo.

Pois ben, na maioría das ocasións o efecto é como se fose un asunto totalmente novo, aínda que eu o considere de enorme interese para a cidade e, por suposto, para os seus habitantes. Os temas que soemos tratar tamén son moi amplos, aínque todos teñan que ver co Patrimonio Cultural de forma xenérica e, sobre todo, co arqueolóxico. Falamos da orixe e evolución urbana de Ourense, da fosa onde se localiza, de escavacións e xacementos. Tamén de asuntos antropolóxicos e de método, así como de índole legal.

Aínda que non temos datos para valorar a resposta dos lectores é certo que, a partires desas pescudas, pensamos que existen temas nos que non está demáis incidir. Permítanme tamén que caia na anécdota.

A semana pasada estaba a falar cuns amigos. Ningún deles comparte a miña profesión. É máis, nada teñer que ver conmigo nas súas ocupación diarias. Aproveitando que eu estaba entre eles, un sacou o asunto das Burgas en relación coas orixes de Ourense idea que, por outra parte, xa case forma parte da lenda. Cando lles contei que os lugar das fontes termáis era un núcleo orixinal, máis non o único, pero que a súa importancia radicaba na función relixioso-medicinal das fontes, cun deus específico que moraba nas propias augas, a sorpresa foi descomunal.

E eu que pensaba que xa estaba suficientemente aclarada a presenza do deus Revve/Reve Anabaraego nas fontes. Que era un tema máis que sabido. Pois non. E iso que estes meus amigos son xente de lectura e cun bo nivel de formación. A dupla onomástica, Revve/Reve débese a que nun caso aparece cun só uve e con dous nos cinco restantes, entre os achados que de seguido lles contamos.

A Gallaecia da época romana estaba inicialmente formada por dous territorios chamados conventus. A situada ao norte era a Gallaecia Lucense, con capital en Lucus Augusti (Lugo). Ocupaba as terras, aproximadamente, ao norte dos ríos Verdugo e Sil, dende a beira septentrional da ría de Vigo ata O Courel, Os Ancares e a desembocadura do río Navia. Ao sur desta localizábase a Gallaecia Bracarense, con capital en Bracara Augusta (Braga). Chegaba ata o río Douro e, polo leste, ata o Navea, afluente do Sil. Tanto a lucense como a bracarense lindaban a oriente co Conventus Asturicense, con capital en Astúrica Augusta (Astorga), incorporado á Gallaecia séculos despois, baixo o mandato de Diocleciano.

Polo tanto, a maior parte da actual provincia de Ourense, incuída a nosa cidade, situábase no conventus bracarense, mentres que os territorios orientais prentencían á asturicense. Algo semellante ás actuais dióceses episcopais do oriente ourensán, que aínda hoxe dependen de Astorga. Vexan como moi poucos feitos do presente dependen do azar.

Existen catro manancias termais na Gallecia dos tempos próximos ao cambio de era na que aparecen unhas ofrendas, exvotos epigráficos, relacionadas con deuses indíxenas, non do panteón romano. Dous están no Conventus Lucense, xunto aos actuais balnearios de Caldas de Reis (provincia de Pontevedra) e Guitiriz (provincia de Lugo). No primeiro caso contamos con dúas inscripcións dedicadas ao deus indíxena Edovius. No segundo, se ben a vinculación directa co manancial non está tan clara, tamén aparecen dous epígrafes dedicados á deusa Cohvetena.

De Gutiriz contamos con escasos datos en época romana, e as inscripción apareceron, unha nun lameiro non lonxe do Balneario e outra bastante lonxe, en Loio, no concello de Portomarín. Ademáis as augas de Guitiriz son frías, manando hoxe a 15º C, aínda que non saibamos con exactitude se era así no mundo antigo. Máis os especialistas ven posibilidades de uso salutífero-termal cun posible establecemento para inxeir a auga, e non para bañarse nela. Apoianse no achado de Brocolitia, actual Carrawburgh do Reino Unido, xunto ao muro de Adriano onde nun santuario dedicado ás augas aparecen catorce inscripcións dedicadas a Coventina-Cohvetena xunto a 16.000 moedas seguramente utilizadas como ofrenda.

Na Gallaecia e Conventus Bracarense contamos con outros dous mananciais sacralizados con deuses indíxenas. Un está hoxe no norte de Portugal. Trátase do balneario de Caldas de Vizela, perto de Guimarães, con dúas inscripcións da etapa romana dedicadas ao deus Bormanicus.

E, finalmente, As Burgas de Ourense. En primeiro lugar lembrar que ata o momento foron recuperados sete pequenos altares da etapa romana, aras, nesta contorna. Unha do século II d.C., a sobradamente coñecida dedicada ás Ninfas das Burgas por Calpurnia Abana Aeboso. As seis restantes, datadas entre mediados do século I e mediados do II de.C., todas dedicadas ao deus indíxena Revve Anabaraego. Efectivamente, seis dedicadas a el. Poden incluso ser sete se aceptamos a proposta de Juan Carlos Rivas. Este investigador vincula a ara de Ruanes/Rubiá inequívocamente coas Burgas, chamada así polas supostas procedencias cacereña/valdeorresa, xa que tales oríxenes xeográficas derivaron da incorrecta atribución do nome do deus (escrito REVVEANA / BARAECO) a eses dous lugares: uns defendían Ruana-Ruanes de Trujillo (Cáceres) e outros Reveana-Rubiá (Ourense).

Dada a concentración de epígrafes en Ourense e o feito de que a de "Ruanes/Rubiá" estivese no seu día no Museo Diocesano de Astorga -hoxe está desaparecida- incrementa notablemente as prosibilidades de que proceda tamén das Burgas.

Iso fai que nos interroguemos sobre a importancia deste espazo no nacemento da nosa cidade. Lembremos que as escavacións levadas a cabo nos últimos años na cidade histórica levan a pensar que este lugar onde nacen as augas termais, non parece ser o único que deu orixe á cidade, sobre todo porque temos outros lugares de asentamento coetáneos noutros emprazamentos (praza da Madalena-Museo Arqueolóxico e Pompeo-Posío), todos da segunda metade do século I d.C., o que podería ser indicio dunha urbanización planificada dende ese momento e cun tamaño maior co considerado tradicionalmente, que se focalizaba exclusivamente ao redor das Burgas.

Máis, sempre tendo en conta esta idea dunha cidade máis estensa do que se pensaba, é innegable que as cualidades das Burgas foron esenciais na idea primera para seleccionar un sitio para o novo establecemento no centro da fosa ourensana. De certo a importancia das surxencias non só se baseou nas súas propiedades hipertermais e salutíferas, se non que especialmente en relación coa segunda característica, coa súa sacralidade, como xa adiantara nada menos que no ano 1934 -como non- Florentino Cuevillas. As últimas escavacións promovidas polo Concello de Ourense e dirixidas por Celso Rodríguez Cao, engaden a altísima probabilidade de que Revve Anabaraego fose un deus específico das Burgas, sendo ademais moi probable estas fontes constituisen un forte punto de atracción xa na Idade do Ferro, mesmo antes.

Revve Anabaraego, deus das nosas fontes principais, foi con toda probabilidade o principal factor para escoller o solar onde se costruiría esta civitas Aurea. O descubrimento de seis (quizás sete) inscripcións ao carón do manancial da Burga de Arriba convirten Ourense no xacemento urbano da Gallaecia -bracarense e lucense- coa maior cantidade de ofrendas dedicadas a deuses indíxenas directamente vinculados coas fontes termais mineromedicinales. Lembremos as dúas de Edovius de Caldas de Reis, as outras dúas de Bormánico de Caldas de Vizela e as dúas de Cohvetena probablemente relacionadas co balneario de Guitiriz.

É interesante reflexionar sobre o papel que puderon xogar algunhas fontes termais ao longo da Historia. Todos coñecen as magníficas surxencias de Outariz, un espazo de ocio e saúde con varias termas nunha fermosa paraxe á beira de Miño. Sen embargo pouco sabemos do seu posible uso no pasado. E non só iso. Ademais, pese ao caudal, propiedades e temperaturas das augas, non deron orixe a ningún tipo de asentamento permanente. Noutros lugares da provincia contamos con exemplos de mananciais termais que si se usaron na etapa romana. É máis, incluso algúns colleron o nome de Aquis, reservado en opinión de Francisco Díez de Velasco, ás agrupacións urbanas caracterizadas polo aproveitamendo termas, semellante aos actuais lugares que teñen como nome Baños ou Caldas.

Entre outros asentamentos, reseñamos os de O Campelo-Aquis Originis, en Lobios, e A Cidá-Aquis Querquennis, en Bande. O primeiro cunha vila e mansión romana. O segundo, que tamén conta con vila e mansión, albergou un campamento militar construído en época flavia, ao mesmo tempo que a Vía XVIII que pasaba por estos dous lugares unindo as capitais conventuais de Bracara Augusta e Asturica Augusta polo interior das terras ourensanas. Pero ambas Aquis, Originis e Querquennis foron perdendo a súa importancia, abandoadas ata conxelarse no tempo, pasando a convertise en xacementos arqueolóxicos, en instantáneas do pasado.

Ourense foi distinto. As Burgas estiveron presentes dende o amencer da urbe. Se non constituíu o único motivo do nacemento, si foi un punto fulcral na táctica de Roma. Ben saben que tamén consideramos outros factores para o nacemento de Ourense: o ser capital dun nó de comunicacións no val de Ourense, a orografía chaira que se extende ao sur do regato das Burgas ou as boas condicións do vale do Barbaña. Máis nas augas sagradas asentouse a estratexia fundamental. A hierofanía que se manifesta ininterrompidamente na forma de auga quente que cura é a forma en que Revve Anabaraego concede as súas cualidades sanadoras aos novos cidadáns no santuario que os romanos constrúen na nova civitas -o edificio con piscina que poden visitar detrás da Burga de Arriba- e aos peregrinos que, dende lonxe, acuden na busca da súa axuda.

O deus Revve Anabaraego quizá sexa a razón simbólica maís poderosa que agacha o nacemento da nosa cidade. Só o Santo Cristo da catedral é quen de sustituilo para, segundo a lenda que todos coñecen, concederlle as propiedades curativas ás augas das Burgas. A cidade de Ourense segue o seu ritmo, século a século, e seguramente por moitos máis. E a hierofanía segue a producirse, día a día, nos canos das nosas fontes máis célebres. Téñano sempre en conta cando lles mostren As Burgas aos seus amigos. Sen dúdiba é un motivo de orgullo.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats