tRIBUNA LIBRE

Carta aberta do claustro do Xunqueira II

16.10.2016 | 02:59

Ante os feitos acontecidos nas últimas semanas, o equipo docente do CEIP A Xunqueira II quere comunicar:

O claustro nunca fixo ningunha manifestación pública que leve aos pais e nais do alumnado e á FANPA a sacar ningunha conclusión como as que saíron recentemente en varios medios de comunicación.

Este claustro xamais defendeu, defende nin defenderá o maltrato físico ou psicolóxico de ningún dos nosos alumnos/as nin de ningún ser humano. O noso centro sempre se caracterizou e se caracteriza pola defensa de educar na paz, a tolerancia, a empatía, o diálogo e o respecto a un mesmo e aos demais tal e como o demostramos cada día co alumnado na nosa práctica docente.

Somos defensores dos dereitos dos nenos e nenas e de tódalas persoas. Defendemos, como non podía ser doutro xeito, a presunción de inocencia, o dereito a defenderse e a explicarse e respectamos escrupulosamente a normativa, trámites e prazos dos procesos administrativos en curso.

Defendemos así mesmo, o dereito de nenos, nenas, pais, nais, mestres e mestras a expresarse libremente en defensa da verdade. Pero tamén defendemos que todos debemos de ser escoitados activamente.

Os nenos/as aprenden do que transmitimos e do que experimentan pero tamén do que lles ensinamos como modelos de vida, especialmente no seo familiar, o que contribúe enormemente a forxar a súa personalidade e a comportarse responsablemente na vida.

Este claustro está profundamente preocupado, apenado e indignado con esta situación e as declaracións que se están a facer. Tamén debemos dicir que somos fortes e honestos cos nosos principios e profesionalidade.

Todos/as seguimos o mesmo fin: o benestar persoal e social do noso alumnado. Son a nosa prioridade para o que necesitamos un clima de tranquilidade e sosego que nos permita continuar desenvolvendo o noso traballo con respecto e dignidade.

Para rematar dicir que somos os primeiros interesados en que esta situación se aclare e solucione o antes posible, sen que se vexan prexudicados os dereitos do alumnado e da profesora, xa xulgada e condenada de antemán como o demostran os escritos e as diferentes manifestacións feitas nos diferentes medios.

Sen respecto non hai comunicación nin convivencia e polo tanto non hai educación.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine