Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Natureza accesible?

A Fervenza do Toxa é unha paraxe natural incomparable. Pero ademais é parte da Rede Natura 2000 por Decisión da Comisión Europea dentro do Sistema Fluvial Ulla-Deza coma Lugar de Interese Comunitario (LIC), declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Así, está incluída no Catálogo de espazos naturais das Normas complementarias e subsidiarias da provincia de Pontevedra e no Inventario de humidais de Galicia. Todo isto queda recollido explicitamente no actual PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), feito citado estes días polo profesor Antonio Presas. Pois o Concello de Silleda vén de remodelar o acceso ao miradoiro da Fervenza obviando todo isto, sen ningún criterio nin estudo previo. E non é cuestión de se a actuación foi grande ou pequena. O debate é de moita maior transcendencia porque atinxe ao modelo de Concello. Queremos un Concello que respecte e poña en valor o seu medio natural e patrimonial ou non? Esta é a pregunta que hai que facerse, e teñen que facerse os concellos deste País. Teñen que ser accesibles os lugares de grande interese medioambiental e paisaxístico? De que maneira?

Todo isto lévanos á seguinte pregunta: que tipo de turismo queremos fomentar? En función de como se actúe o perfil do visitante vai variar. Vaise apostar por atraer viaxeiros e xente que valore o medio natural e a paisaxe, ou vaise apostar por un turismo de masas que vai ver a Fervenza, ou calquera sitio, porque ten que gastar o tempo libre nalgures? Dos primeiros virá un respecto e unha posta en valor polo que están a ver. Dos segundos virá a demanda de máis cemento e asfalto nos accesos aos sitios, tamén seguramente máis lixo, e que tanto lles terá visitar o Deza (se é que saben onde están) coma asfalto e rañaceos en Benidorm (moi accesible, sí). Eu opto polos primeiros: os que respectan e valoran. E para atraelos hai que preservar o que temos, que é moito e bo.

Os visitantes que valoran, saben que a natureza non é nin pode ser accesible de calquera xeito, desfrutan dos percorridos antes de chegar aos sitios. Saben que o importante non é só o que vaian ver, senón que valoran toda a contorna, como estea de coidada e como se actuara nela. Desfrutan cada herba, cada rocha , cada vista e cada son que oen. Levan o lixo de volta no peto ou na mochila. Mímano todo. Sóbralles o cemento e o asfalto. Valoran a gastronomía, gastan no bo e na calidade do lugar que visitan. E saben ben onde ir e o que están visitando. Os turistas masa, coma os que falaron a pasada fin de semana para este xornal, van ver a Fervenza (só a Fervenza en si), pero poderían ir ver calquera outra cousa. Non reparan no entorno. Ata ciscarán lixo no chan. Quizais non saiban ben nin o nome da zona que están a visitar, e daralles igual que consumir e onde facelo.

Que natureza queremos? Por que proxecto de Municipio apostamos? Iso é o que está en xogo. O goberno de Silleda teno claro?

*Veciño de Silleda

Compartir el artículo

stats