Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Pedro Sánchez en Hadleyville

Con certeza que se en Hollywood tivesen a intención de levar a cabo un remake do célebre film -"High Noon"; entre nós "Solo ante el peligro"-, protagonizado polo inesquecible Gary Cooper aló por volta de 1952, (moi) ben que poderían reparar nel: o outrora xogador do Club de Baloncesto Estudiantes está en posesión de todas as características necesarias para encarnar como lle cómpre a un renovado sheriff Will Kane á fronte da suposta pequena cidade de Hadleyville (Novo Mexico). Alto -ambos, Gary Cooper e mais el andan polo 1, 90-, atlético, sempre de aparencia serena e/ou sorrinte, pausado nos acenos e mais nas falas, impecable no vestido e no porte... Pedro Sánchez Pérez-Castejón atesoura as cualidades que se lle supoñen a un galán protagonista. Non cabe dúbida de que -como adoitan dicir os expertos na cousa- é benquerido pola cámara. Polo demais, e tal como lle acontecía ao mentado Kane/Cooper, Sánchez ten todo en contra: os amigos, a xente do común que habita Hadleyville..., incluso a súa propia esposa (Amy/Grace Kelly) foran aconsellarlle que se pirase de contado: diante da banda de pistoleiros dirixidos polo malvado Frank Miller está completamente só. Só diante do perigo.

Claro que, ben pensado, tamén é verdade que Kane/Sánchez nunca contou de veras con ninguén -nin sequera con esa especie de amiga/amante que atende por Susana Díaz, a moi liviá-; doutra banda, en realidade, o seu non vén resultar máis que outro episodio -e van xa?- nesa singular traxicomedia protagonizada pola socialdemocracia europea, en xeral, e pola mediterránea -agás Portugal, polo momento-, en particular, que nos aflixe sen treguas.

Desde que Tony Blair e mais o Novo Laborismo abrazaron aquilo da "Terceira Vía" como eficacísima fòrmula para atraer votantes de todo o espectro político -xa saben: supostamente un camiño intermedio entre a economía de libre mercado e mais o reformismo ético tradicional do vello socialismo; no fondo, simplemente un catch-all-party máis e que lle dean moito á working class-, o certo é que a socialdemocracia vai totalmente de cranio e sen freos. Daquela, dá mesmo a sensación de que, fose Sánchez ou Rodríguez, ou Martínez quen viñese ocupar o despacho central de Ferraz, 70... alea jacta est! Perdida, como está, a capacidade de poder manexar cunha mínima liberdade a cousa do déficit e así poder bandearse cos orzamentos públicos, acontece que unha de dúas para a socialdemocracia funcionarial: ou ben andan a chorar, perdidos, polos recantos ou, ben polo contrario, entraron a formar parte dos consellos de empresas, holdings e plataformas bursátiles en paraísos fiscais. Iso cando non aceptaron xa -vexan/repasen Vdes. esa estupenda película dirixida por Roman Polanski, "The Ghost Writer" ("El escritor" entre nós)- traballaren como cómplices da desfeita. "Ruth -é dicir, a muller do primeiro ministro Adam Lang- é unha axente da CIA": velaí o misterio oculto no manuscrito que acaba por costarlle a vida ao escritor protagonista do noso film.

"Déixadeo; deixádeo que o intente! Ademais, qué podemos perder?" Convencidos que estaban -como media España e metade da outra- do final irremediable de Mariano Rajoy, os baróns e baronesas socialistas permitiron que o seu secretario xeral xogase á política durante xaneiro e febreiro do ano en curso. Contaba Sánchez para tal cun bo aliado na figura de Albert Rivera: desde logo, un estupendo secundario para unha teleserie de avogados e xuízos ou aínda para esoutra que fose tratar de amores/desamores, sexo en NY. Infelizmente, convencido á súa vez das capacidades propias para conducir o pobo israelí, digo as tribos de España e autonomías adxuntas!, á Terra Prometida, Pablo Iglesias Turrión decidiuse a asaltar -se non os ceos- despachos, corredores e demais dependencias ministeriais sen encomendarse previamente a Deus, Lenin ou á memoria de Frances Macià e mais a súa "República Catalana com Estat integrant de la Federació ibèrica". En todo caso, demasiado para González e os seus vellos rockers; inaudito para os editoriais da prensa sesuda, BOE oficioso da villa y corte. Traducido: a partir de aí, Sánchez quedaba -emulando a Kane/Cooper- completamente só á vista da ameaza.

Que é preferible: un goberno Rajoy minoritario agora mesmo ou, polo contrario, un posible executivo maioritario, sempre liderado por D. Mariano, logo dos comicios de decembro? Apenas coas balas que lle restaban no revólver, sen outro cargador ao que acudir, Sánchez encamiñouse, decidido, pola rúa principal de Hadleyville. Na película, ferido que está, Kane/Cooper enfróntase, sen embargo e cara a cara, co malvado Miller. É nese momento decisivo cando, arrepentida, Amy acode a axudar ao seu esposo.

Pero, desgrazadamente para o noso heroe, acontece que nin Susana Díaz garda o menor parecido con Grace Kelly -loira de bote/loira natural- nin hai noticia tampouco de que en Hollywood se interesen por volver rodar unha do Oeste á beira do Manzanares.

Compartir el artículo

stats