Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

República Mundial das letras

"Orense dista seiscientos kilómetros de Madrid y acaso menos de Nueva-York. En todo caso LA CENTVRIA viene a acortar esta última distancia". Con estas palabras memorabeis Vicente Risco expuña o seu estado de ánimo vangardista e pre-nacionalista galego na presentación do número un da curiosísima revista "La Centuria"en xuño de 1917. Daquela aínda non terminara a Grande Guerra nin culminara a Revolución de Lenin nin o intelectual ourensano asumira os principios do nacionalismo que propuña, invocando Prisciliano, Antón Vilar Ponte, na Coruña.

Estes días pasados reuniuse en Ourense o congreso, número 82, parécemo, do PEN Internacional. Como é sabido, o PEN é a organización mundial que mellor representa os escritores e que máis eficazmente se fai eco das penalidades que eles sofren aquí e acolá. Por causas históricas que non é do caso citar, o PEN abriuse, non hai moito tempo, ás literaturas e aos escritores e escritoras de linguas minorizadas e de países que, coma Galicia ou Kurdistán, nin sequera existen como tales no catálogo (incesantemente incrementado) dos estados do Planeta. O PEN Internacional abriuse a estes escritores de literaturas que, non sendo oficiais de estado ningún, se encontran ameazadas, enfeblecidas ou en estado de vulnerabilidade, como dixo moi ben en Ourense a presidente internacional do PEN.

Eu estou seguro de que os escritores, coma Otero Pedrayo e Primitivo R. Sanjurjo, que acompañaron a Risco na aventura, previa a "Nós", de "La Centuria", estarían maravillados da presenza en Ourense de delegados de duascentas ou así literaturas de todo o mundo que reuniron o seu Parlamento ceibe nun salón do centro cultural de Ourense na antiga casa de Simeón. E alí debateron das cousas do seu interese. A Otero e aos seus irmáns de "Nós" gustaríalles ver que en Ourense non só estaban representadas as grandes literaturas imperiais, senón que se achaban presentes tamén as negadas, as clandestinas, as ocultas. O caso é que no Parlamento do PEN que tivo asento en Ourense estaban, a carón das literaturas oficialistas e dominantes do mundo, aquelas, coma a galega e a vasca, ás que caro lles está custando acadar un estatuto definitivo que lles garanta a supervivencia nos séculos futuros.

En Ourense celebrou as súas sesións o congreso do PEN Internacional, e ese foi o intre no que a miña cidade de nacemento cadrou, certamente, máis próxima de Nova York ca Madrid -como querían en "La Centuria". Pro o máis interesante, para min, é que nese encontro Galicia estivese moi perto de Eritrea e se recitaron poemas en swahili. Por algunha razón misteriosa, o PEN representa hoxe unha plataforma de igualdade cultural internacionalista que ningún outro organismo sabería ostentar con semellante autoridade e solvencia. Por tanto, parabéns a Luís G. Tosar e aos que fixeron posíbel que Ourense, por uns días, se convertese no centro e capital da República Mundial das Letras (con licenza de Pascale Casanova).

Compartir el artículo

stats