Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Cambios na cidade

A cidade é o hábitat dos seus moradores. Estamos feitos a ela, ás súas comodidades e aos inconvenientes que xenera. É a nosa criatura, o produto dos cidadáns, sobre todo dende que, afortunadamente, podemos elexir aos nosos representantes.

Como todo lugar habitado, non estamos diante dun simple escenario. Non é un telón de fondo pasivo no que ocorren episodios illados das nosas actitudes. Nela sucédense feitos e accións, que a van modelando secularmente e dos que sempre hai protagonistas-responsables detrás de cada cambio.

Non en van a cidade é o espazo xeográfico artificial por excelencia, a materialización humana da área habitada, aínda que non sexa o único, como moitos queren ver. Porque as vilas e aldeas, os cultivos e outros aproveitamentos que as rodean tamén o son, aínda que alí as creacións antrópicas collan outras formas. Viñedos, hortas, campos de cereal, socalcos e un longo etcétera son produto da domesticación da paisaxe, da Cultura que, no mellor dos casos, modula a Natureza. Por iso nesta vella Europa que vivimos, humanizada dende hai moitos milenios, é difícil identificar paisaxe con natureza. Máis aínda, case imposible concibir unha paisaxe coma un escenario independente de nós. Todo iso percíbese con maior presenza na cidade, onde as formas e os perfís mudan cunha celeridade moito maior que noutros lugares.

Eu, como moitos de vostedes saben, non son ourensán de nacemento. A maioría dos lectores desta cidade, teñen a fortuna de escoitar aos seus pais e avós falar do Ourense de hai catro ou cinco décadas. Non poucos sorpréndense se lles contan que ían ver partidos de fútbol ao campo que estaba entre a vía férrea e a actual rúa Celso Emilio Ferreiro -zona do "Prada" lle chamabamos nós cando eramos nenos-, ou cando a rúa Nova e o Camiño Caneiro adxacente eran, efectivamente, camiños de terra flanqueados por muros de coios.

Tamén o percorrido dende os antigos Pabellóns Militares ata os Maristas saltando tapias de fincas. Atravesabamos por onde hoxe está a rúa Valle Inclán, entre o "18 de julio" (Centro de Saúde Valle Inclán) e a actual cafetería Béker, lugar onde remataba na década de 1970 esta rúa. Ou cando iamos ás Lagoas a xogar cos restos das carrozas da Batalla de Flores do Corpus que nalgunha ocasión quedaban alí abandoadas. Como terán adiviñado, agora estou a contar lembranzas da miña nenez.

Ben é certo que a memoria individual é por veces pouco veraz. Tiven a ocasión de constatalo en varías ocasións. Nunha delas -permítanme que marche por un momento ás terras da Baixa Limia- nun dolmen do Val de Salas, no termo municipal de Muíños. Mentres estaba escavando outros megálitos próximos, un dos peóns que traballaba comigo, o de idade máis avanzada, aseguraba ter participado no traslado do dolmen de Casola do Foxo, o que está do lado no dique do encoro máis próximo a Portugal. Eu sabía que o da outra beira, Casiña da Moura, si que fora desprazado na década de 1970. Máis da Casola do Foxo tiña serias dúbidas. A súa orientación precisa, a forma do túmulo e outros indicios facíanme crer que estaba no sitio. Anos despois podémolo comprobar arqueolóxicamente. Algo fallou na aparentemente certeira memoria da testemuña.

En Ourense ocorreu outro feito que cuestionou as lembranzas individuais. No ano 2002 estaba a escavar dous puntos da Praza do Turco como medida arqueolóxica previa á instalación dos contenedores soterrados. Visitábanos a miúdo un home de avanzada idade que, na medida que avanzabamos no traballo, contábanos o que alí había e iamos atopar cando levantáramos os pisos máis recentes. Describían cousas que existiran na praza con todo luxo de detalles.

Pero nada diso apareceu. É máis, cando atopamos un pozo contemporáneo moi recente, que incluso contiña zapatos vellos e un penico metálico no seu fondo, non foi capaz de lembrar a súa existencia, por máis que os obxectos que tiña dentro indicaran que puidera estar en uso ata non hai moito tempo, ou cando menos o recordo dese elemento tan singular na praza.

Pola contra, tanto a Arqueoloxía como outras disciplinas da Historia e da Xeografía, están a ofrecer numerosos datos das mudanzas que experimentou Ourense dende o seu nacemento. A extensión da cidade romana, sobre a que non quero deixar de insistir en que agora estamos en condicións de teorizala, pero non de describila, ocupaba un espazo distinto que a urbe medieval. E esta moito menos extensa que as posteriores. Lembren que, practicamente ata a segunda metade do século XIX, Ourense era só o núcleo histórico. E iso que o paso do tempo foino alongando progresivamente no senso norte-sur, a medida que o casarío ía ocupando as beiras dos camiños importantes. A actual rúa de Santo Domingo -antiga Corredoira-, por onde saía o camiño de Trives e Castro Caldelas, "estírase" e consolídade co establecemento dos Dominicos, na contorna do solar que hoxe ocupa o edificio de Hacienda. Daquel, cando menos en superficie, só resta a igrexa.

Estas modificacións tamén resituaron nalgunhas ocasións as portas da cidade medieval. Sabemos pola académica Olga Gallego Domínguez que a Porta da Corredoira está a mediados do século XVII adosada ao devandito convento, seguramente a partir da edificación deste edificio relixioso en 1634. A porta anterior situábase non lonxe do campo da Pía da Casca, perto da rúa do Paxaro, o que indica o desprazamento, aproximadamente, dende a Praza do Ferro ata a actual rúa Concordia.

Seguramente ocorrera algo semellante coa Porta da Aira que agora coñecemos, cuns restos que aínda están no sítio no remate da rúa Julio Prieto, non lonxe do xardín do Posío. Esta rúa, tamén medra ao longo do camiño de Castilla, por Allariz, Xinzo e Verín. É moi posible que a primeira Porta da Aira estivese máis próxima á rúa Dous de Maio, onde se percibe o límite sur do casarío compacto medieval. Ademáis, diversas fontes citan a Abadía da Trindade extramuros, o que aopiaría esta idea. É moi posible, así o pensamos nós, que a porta construída por Martínez Daraque no ano1617 pode ser a súa derradeira ubicación, e non a orixinal.

Aínda que puxeramos os exemplos anteriores, non vamos a entrar agora nesta evolución histórica, porque sería moi longa. Pero si podemos ver algúns pequenos detalles da cidade antiga que, á súa vez, indican grandes mudanzas do terreo orixinal, a adaptación da topografía ás nosas necesidades.

Comecemos por algo que chama a atención á primeira vista. A rúa de Santo Domingo e a igrexa de Santa Eufemia do Norte (ou tamén de "Santo Domingo"), edificada esta última na segunda metade do século XVII. Algunhas fontes indican a data de 1643, aínda que na clave do arco que da paso á ábsida e sostén a cúpula aparece a de 1659. No sillar próximo á coroación desta última aparece gravada a data de 1663.

Para acceder á igrexa debemos baixar os chanzos. Non en van o chan do adro está a unha cota de 138,3 m, mentres que o pavimento pétreo da rúa ten 139,8m, o que representa un desnivel au redor de 1,5 m. Posiblemente a diferenza fora a resposta á adaptación do templo (e convento?) a un espazo periurbano preexistente. Ou que en datas posteriores se nivelase a rúa de Santo Domingo. Algún día o saberemos.

Moi interesante é tamén o exterior da capela do Santo Cristo da catedral na rúa Juan de Austria. Alí, costa arriba da porta norte, emerxen os alicerces da seo, quedando á vista. Non hai moito tempo puiden ver nas activas redes sociais que teñen como temática a cidade, unha fotografía na que aparecía esa porta norte sen os chanzos que hoxe ten para acceder ao interior do templo.

O mesmo ocorre con algunhas entradas dos edificios nese mesmo tramo da rúa, tamén dotados de chanzos extra para poder acadar os pisos interiores na pranta baixa. Noutras palabras, o nivel da rúa estaba máis alto ata hai non moitos anos.

Outro lugar que permite observar cambios significativos nas cotas actuais é a rúa García Mosquera. Aínda que se proxecta en 1892, cando se constrúe o "Centro Provincial de Instrucción" -actual Instituto- nas primeiras décadas do século XX, aínda está practicamente sen urbanizar. Moitos coñecerán o seu desenvolvemento porque no ano 1941 Vicente Risco escavara unha necrópole romana no seu tramo inferior, que aínda se estaba adaptando a este ensanche da cidade.

Se vostedes reparan na escaleira que permite acceder ao Instituto Otero Pedrayo dende García Mosquera, verán que baixo os chanzos máis baixos asoman uns alicerces que, evidentemente, non se construíron para permanecer á vista, se non que o estado actual resposta ao rebaixado da nova rúa.

Un tema interesante, supoñemos que tamén crucial para a fisionomía urbana, foi a colmatación do Regato das Burgas na cidade histórica. Imaxinen vostedes que dende a actual rúa Hernán Cortes, aproximadamente na altura da Praza de San Marcial, van fluíndo as augas do regato cara o río Barbaña. Cando chega a rúa Cervantes -a antiga Fontaíña- xa vai moito máis fondo. Por tras da Burga de Arriba, onde agora atopamos o edificio romano con piscina da segunda metade do século I d.C., a fondura do cauce xa sobrepasa os catro metros, para encaixarse progresivamente a moita máis profundidade, á mesma cota que o Barbaña. Pouco antes de chegar a el, os desniveis son tan bruscos que a zona onde se sitúa o Cárcere Vello e o edificio de Baños chámase O Outeiro.

As súas abruptas ladeiras aínda se poden ver nas rochas que serven apoio á ponte "murallón", estrurura do século XIX que permite ao trafico rodado case sobrevoar a valgada das Burgas.

Puxemos algúns exemplos de testemuñas visibles nas variación da topografía urbana na cidade histórica. Por suposto que existen máis exemplos, pero os que acabamos de comentar na extensión deste escrito falan das significativas mudanzas que vivíu a cidade. De certo sorprenderiámonos se pudesemos guichar por unha fenda do tempo e ver o Ourense das distintas épocas. Nalgúns aspectos sería ben difícil recoñecer a cidade na que agora vivimos e que, coas nosas acción, estamos a modificar constantemente.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats