Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Onde o mundo ten nome de muller

Non foi sen tempo que a sociedade, especialmente a galega, deu pulo á asociación de mulleres do mar: Pescadoras, armadoras, mariscadoras, redeiras, etc. Mulleres que, nos máis dos casos, nen sequera tiveron tempo a se formar axeitadamente para, nun momento determinado, comprometerse na formación dos seus fillos, da súa familia e, de paso, loitar dura e firmemente polo seu traballo, pola súa empresa, polo mar.

Aínda lembro os tempos nos que nin siquera se lles deixaba acceder a postos de responsabilidade nas confrarías de pescadores ou mesmo nas asociacións de mariscadores -nas que elas sempre foron maioría-, cando se lles discriminaba -aínda hoxe hai moito disto- como redeiras se un home tentaba acceder ao mesmo posto de traballo, como se lles pagaba "en negro" un salario gañador coa suor da súa fronte e non sempre en instalacións portuarias. Como polo simple feito de ser muller tiñan que pelexar duramente nas subhastas das lonxas para se facer co mellor lote de peixe ou marisco.

A muller entrou agora, de cheo, na defensa dos seus intereses. Hora era. Faino, ademais de como integrante de pleno dereito das confrarías de pescadores e asociacións de mariscadoras, como parte importante en asociacións como Cepesca ou multitude de entidades menores que defenden con unllas e dentes os dereitos que lles corresponden como armadoras ou pescadoras.

Unha proba evidente está na Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (Anmupesca) creada recentemente pero que xa está a dar pasos adiante da man das distintas administracións pesqueiras e a propia Confederación Española de Pesca, feito do que se gababa o pasado xoves a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que non dá puntada sen fío á hora de arrimar a ascua á súa sardiña e menos en tempos de posible mudanza como son as eleccións autonómicas.

O mar, en Galicia, sempre tivo nome de muller. Por máis que o artigo que determina o seu xénero sexa masculino en lingua galega. Tanto é así, que a inmensa maioría dos barcos, dornas, gamelas, se identifican co nome dunha muller. Porque o peso real da muller no mar (por máis que non todo mar son fanecas) sempre foi evidente e, queiras que non, recoñecido. Porque o home podería ser quen capturara o polbo, mais quen o carrexaba en bañeiras de zinc que levaban cun molido á cabeza dende Castiñeiras ou a

A Ameixida ata a praza de Ribeira eran as mulleres. E eran kilos e kilos de polbo nun percorrido duns cinco quilómetros.

O mundo do mar ten, sen dúbida nome de muller. E non é malo que outra muller, a conselleira do Mar en funcións o recoñeza. Pero non para se apuntar o mérito (que non é dela), senos para recoñecer o mérito que a propia muller gañou no día a día para lle dicir ao mundo que onde hai mar, sempre estará á súa beira unha muller que loite por el e a súa consecuencia.

Compartir el artículo

stats