Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na latitude do deza

Un ENIL dentro da lexislación

A declaración dunha área xeográfica como ENIL (Espazo Natural de Interese Local) supón recoñecer e aplicar unha serie de medidas de carácter legal, non só encamiñadas a súa conservación, senón, incluso, medidas tendentes á mellora dese espazo, sen embargo, todo isto son actuacións moi recentes que, en moitas ocasións, van por diante da mentalidade colectiva local. Os habitantes do contorno non saben como actuar porque descoñecen por completo que é un ENIL e desconfían da intencionalidade de aqueles que demandan a aplicación de tales medidas.

Se facemos un percorrido pola lexislación medio ambiental para fundamentar a figura ENIL, non podemos retroceder máis alá da década dos 80. Como punto de partida, algo anterior, podemos empezar pola Constitución Española de 1978, na que se recoñece o dereito que teñen as persoas a disfrutar dun medio ambiente adecuado para a súa vida e o deber de conservalo. Como consecuencia dese recoñecemento, o Estado ten a competencia exclusiva de aprobar unha lexislación básica para acadar ese obxectivo e o mesmo ou parecido se pode dicir, por extensión, das Comunidades Autónomas, que poden establecer normas adicionais de protección.

Buscándolle unha persectiva de carácter máis universalista, débese ter en conta que no Cumio de Río de Xaneiro, celebrado en 1992, abordouse a cuestión da conservación da biodiversidade, aspecto que se incorporou ao dereito comunitario europeo a traveso de directivas relacionadas coa conservación dos habitats naturais e da flora e fauna silvestres. Sen embargo, Europa xa contaba, desde 1987, coa Acta Única que marcaba diferentes obxectivos relacionados coa protección e mellora da calidade do medio ambiente, protección da saúde das persoas e tamén se tiñan adoptado medidas a nivel internacional para facer fronte a problemáticas rexionais.

A nivel de Galicia, no ano 2001, aprobouse a Lei de Conservación da Natureza, que ten en conta os principios propostos na Conferencia de Río respecto da xestión sostible dos recursos naturais. Esta lei establece oito tipos de reximes de protección: Reservas naturais, parques naturais, monumentos naturais, humidais protexidos, zonas de especial protección dos valores naturais, paisaxes protexidas, espazos naturais de interese local (ENIL) e espazos privados de interese natural (EPIN). A consecuencia destas medidas de carácter legal recoñecéronse varias varias zonas con protección ambiental, como foi o caso dos parques naturais (Monte Aloia, Illas Cíes, Complexo dunar de Corrubedo, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadoiro, Fragas do Eume) ou monumentos naturais (Souto de Rozavales, Souto da Retorta, Fraga de Catasós, etc.).

A existencia dun corpo xurídico medio ambiental básico recente, que estableza a posibilidade de recoñecer espazos xeográficos de características singulares como zonas protexidas é moi importante a nivel de Galicia, por ser esta unha comunidade con multitude de paisaxes únicas. Daí a relevancia do decreto 124/2005 que permite o recoñecemento legal de Espazos Naturais de Interese Local (ENIL) que destacan polos seus valores naturais. Nas fragas de Catasós, brutalmente ameazadas polo paso da LAT O Irixo-Subestación de Lalón, temos un caso moi concreto. Un incuestionable ENIL, con antecedentes e fundamentos xurídicos firmes, debe ser aprobado para recoñer o valor das fragas de Catasós e preservalas das ameazas presentes e futuras.

Compartir el artículo

stats