Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Recuperar a Gallaecia secuestrada

Proliferaron este verán as festas de evocación histórica e prehistórica. Os guionistas delas tenden a esquencer que na época romana e prerromana a Esquina Verde, que dicía García Martí, era chamada en latín Gallaecia. Plinio trataba da Gallaecia, ou Callaecia. Na Grecia clásica, poñamos Estrabón, ao se referir a esta terra escribía Kallaikía. Os nosos antepasados, eran, en latín, os Callaici ou Gallaici e, en grego, os Kallaikoi; con variantes. Nas festas históricas deste pasado verán, o nome da Gallaecia evaporouse. Tamén desapareceron os Gallaici. Cada vez que o argumento da representación se refería aos indíxenas de eiquí, aparecían, os infelices, nomeados como "castrexos". Que eles vivían en "castros" é cousa ben sabida. Pero o país dos castros chamábase Gallaecia e os seus habitantes eran os Gallaici; mais ou menos.

Ocorre que certos prehistoriadores e historiadores galegos teñen medo de ser chatados de "nacionalistas". Daquela tratan de falar o menos posíbel da Gallaecia e dos Gallaici. Nisto coinciden con colegas portugueses para os cales a Gallaecia prehistórica e protohistórica, así como o reino medieval de Gallaecia ou Galicia/Galiza, constitúe un incomodo e unha dificultade para o grande relato do seu país. Os portugueses, que lle chamaron e chaman "Lusitanas" ás estatuas de guerreiros galaicos dos seus museus, insisten na noción de "cultura castrexa". Uns e outros, galegos e portugueses académicos, borraron a palabra grande: Gallaecia. E fórona substituir por "Noroeste" (ou mesmo NW Ibérico).

Cando Décimo Iunio Bruto penetrou o primeiro, moi fondamente, en territorio da Gallaecia arredor do ano 138 antes de Cristo, non quixo, non, ocultar o nome dos que el vencera. Foi aclamado en Roma e coroado de loureiro. Mesmamente adoptou, fachendosamente, o "agnomen" de Galego. Foi chamado Decimus Iunius Brutus Gallaicus. Do mesmo modo, estase tratando de ocultar a existencia do reino suevo de Gallaecia e do reino posterior do mesmo nome. Ninguén vindica que a única provincia peninsular romana cuxo nome subsiste hoxe (en forma Galicia) é a Gallaecia. Desapareceron a Tarraconense, a Bética, a Lusitania. Galicia eterniza o nome de Gallaecia.

Aquí expresamos o noso desexo de que a Xunta de Galicia (Gallaecia) que constitúa En Maré en coaligación cos aliados adecuados estea disposta a resgatar (entre outras agardadas accións de goberno) a Historia e a Prehistoria de Galicia (que somos Nós) do ergástulo ideolóxico españolista no que se encontra parcialmente secuestrada.

Compartir el artículo

stats