Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

Un ENIL para bosques antigos

A vertente esquerda do rego de Quintela, orientada cara o N-NO, está ocupada por un extenso bosque caducifolio de orixe antrópico, que polas súas características pode ser considerado como exemplo repesentativo dos bosques do sistema agrícola tradicional e do equilibrio ecolóxico que houbo no medio rural, ata a incidencia tardía da chegada da Revolución Industrial a esta zona, unha incidencia que debe ser controlada, con eficacia, polos mecanismos de protección ambiental agora existentes. Este bosque, comprendido entre as estradas PO-533 (Lalín-Chantada) e PO-502 (Lalín-O Irixo), abarca unha lonxitude duns 4,4 Km, correspóndelle unha anchura media duns 400 metros e a súa superficie total pode estimarse nunhas 160 Ha. Na parte central, cerca do punto de angulación (lixeiro cambio na orientación da masa forestal) localízase o Monumento Natural das Fragas de Catasós, que se pode considerar como a zona mellor coñecida e na que se teñen adoptado medidas de protección.

No seu conxunto ten sufrido impactos ambientais causados, nos primeiros tempos, pola deforestación agrícola tradicional (implantación de agros e prados) e ultimamente por diversas infraestruturas, desvinculadas por completo das necesidades dos seus propietarios. Así, nos últimos tempos, atopamos diversas obras que teñen afectado de forma seria a este gran conxunto:

1) A estrada PO-533, que roza o conxunto forestal, polo lado Norte, á altura de Sete Fontes.

2) A LAT (Liña de Alta Tensión) de 66 Kv Belesar-Subestación de Lalín e a LMT (Liña de Media Tensión) de 20 Kv Lalín-Rodeiro, que segmentan o bosque, a pouca distancia do seu comezo, no curso alto do rego de Quintela. Estas dúas liñas discorren case en paralelo causando un doble impacto.

3) A N-525, construída a finais do século XIX, que abre outro corredor transversal ao comezo do tramo meridional das fragas (ao Sur do Monumento Natural)

4) A LMT Lalín-Catasós, de 20 Kv, que fragmenta o bosque abrindo outro corredor desforestado entre Covás e A Cabreira, no sector meridional das fragas.

5) A proxectada LAT O Irixo-Subestación de Lalín, de 130 Kv, atrevesará o subsector Sur das fragas, entre Cerredo-Casas Vellas e Barrio e causará un gran dano neste importante espazo forestal, que ten caracter de "bosque antigo". Esta afectación converterase nunha das máis graves ao conxunto, tanto pola eliminación de arbolado, como pola desconexión que ocasiona unha banda de 60/70 metros reais de anchura polo medio do bosque.

6) A estrada PO-502 pode considerarse marxinal a este gran espazo arbóreo.

Tendo en conta todos estes impactos, de efecto acumulativo (cada novo impacto hai que sumalo aos anteriores), o trazado da LAT O Irixo-Lalín por unha zona vulnerable e xa moi segmentada no subsector Sur, debe ser evitado a toda costa. A declaración deste espazo como ENIL é un acto coherente, realista, necesario e imprescindible, non só pola ameaza latente, senon, tamén, polos seus propios valores e por ser unha continuidade do Monumento Natural.

Compartir el artículo

stats