Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Profesora del área de Psicología organizacional de la Universidad de Santiago

EDUCACIÓN, en negriña e con maiúsculas

Imaxínome a un pai de Vigo ou a unha nai de Cedeira lendo a entrevista do xuíz Calatayud a pasada semana, e dicindo para si: "Xa o dicía eu!", sentíndose dende ese momento amparado/a para "violar a intimidade dos seus fillos/as" e mirar o que fan co móbil sen que as/os pillen.

Imaxinemos que nun momento de despiste, o pai vigués accede ao móbil do seu fillo adolescente. Primeiro reto: contrasinal para acceder ao contido. No seu momento quizais o soubo, pero hai tantos contrasinais que lembrar... Teclea un PIN, e outro, e outro... e tras tres erros consecutivos o smartphone solicita o PUK, e ese xa non o sabe nin o propio adolescente, quen entón se decatará de que alguén tratou de acceder ao seu móbil ás súas costas... Fallo na encomenda de facelo sen ser pillado. Follón para o que queda de semana. E, permítanme dicir que, con razón.

Imaxinemos que a nai de Cedeira ten máis sorte e supera o primeiro obstáculo. Decide entrar no Whatsapp e mira as conversas máis recentes: quedadas para esta tarde por aquí, tonteos por alá, grupos de aniversarios, do equipo de baloncesto, das tres mellores amigas... nada alarmante. Visual rápida ás fotos e ao seu perfil de Facebook. Semella que todo en orde. A nai queda convencida e satisfeita. Porén non sabe nada dos chats arquivados en Whatsapp, nin das Instagram Stories dese día, nin das posibilidades que ofrece Snapchat, nin do divertimento que supón Dubsmash... onde moi posiblemente estean acontecendo as cousas que esa nai buscaba. E é que o universo adolescente busca espazos libres de adultos, tanto fóra coma dentro da rede. E, permítanme dicir que, con razón.

O encargo de Calatayud puidera parecer sinxelo, pero non o é en absoluto: Como miro o que o meu fillo fai a través do móbil, se ten un máis complexo que o meu e non o entendo? Como miro o que fai a miña filla, se non coñezo o nome nin o funcionamento desas aplicacións que tanto usa? Como miro o que fan cando o móbil parece unha extremidade máis do seu corpo? Como, como, como?

En vez de empregar os aforros nun curso avanzado de espionaxe, a miña proposta non é outra máis que a EDUCACIÓN, en negriña e con maiúsculas. Sei que é traballo a xornada completa, sen pago de horas extras, pouco agradecido, e no que os froitos tardan e tardan en chegar... pero chegan e son de longa duración.

Por que non educamos as nosas fillas/os promovendo a súa autonomía?

Démoslles armas coas que afrontar as situacións que quizais vivan na Rede. Alimentemos nelas/es unha autoestima sa, que non as/os faga vulnerables ás críticas nin dependentes das loanzas das súas fotos. Fomentemos a súa asertividade para defender os dereitos propios, sen asoballar nin seren asoballadas/os. E, sobre todo, permitámoslles equivocarse e solucionalo a eles/as mesmos.

Por que non forxamos unha relación de confianza sólida?

Preguntémoslles polo seu día. Que aprendiches hoxe na escola? Solucionaches as cousas co teu amigo Rubén? Por que non facemos un vídeo para felicitar ao avó? Que foto subiches desta fin de semana a Instagram? Como se utiliza esa aplicación da que se fai eco o diario? Non deixemos de estar ao seu carón, en modo escoita activa ON, para non deixar de coñecer ás nosas fillas/os, e que a forte marexada non nos pille desprevidas/os.

Por que non educamos na responsabilidade e no respecto?

Cada acto ten as súas consecuencias (positivas ou negativas). Ensinémoslles a pensar dúas veces antes de subir unha foto. Falemos do que agardamos deles/as, de que non todo vale para conseguir un Me gusta, dos seus deberes como cidadáns deste mundo tecnolóxico. Debatamos sobre os pros e os contras de Internet, sobre os riscos que levan consigo certas prácticas e sobre súa responsabilidade como prosumidores (produtores e consumidores simultaneamente) de contidos online.

Por que non marcamos límites e normas que deben respectar e interiorizar?

Digámoslles NON cando consideremos que aínda son moi pequenas/os para ter un móbil. Digamos NON cando o teñan e o queiran utilizar en todo momento e lugar. Consensuemos horarios e tempos de utilización. Establezamos conxuntamente restricións de uso nas reunións familiares ou no momento de ir á cama... e actuemos en consecuencia se as normas se quebran.

E sexamos exemplo, por que aínda que escoitaremos aquilo de que non queren ser coma nós... non coñezo a ninguén máis parecido a un pai que un fillo.

Compartir el artículo

stats