Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Qué calor vai! O clima cambiou

Este verán está a ser especialmente caloroso en Ourense. Sentimos os rigores case sen descanso, ata o punto de que as conversas conflúen nun consenso ao redor dunha situación moi especial. Tanto, que se escoitamos os comentarios parece que estamos nun momento insólito, non vivido con anterioridade. "E que está a cambiar o clima", oímos dicir. Practicamente o mesmo que poucas semanas antes, cando parecía que non ía parar de chover nunca.

Agora contamos cunha ferramenta de comunicación social masiva, o WhatsApp, que non deixa de ser un latexo das sensacións inmediatas, aínda que moitas estean contaxiadas polas ocorrencias globalizadas, como tamén ocorre coas nosas opinións políticas, fondamente influenciadas polas tertulias que invaden os medios de comunicación. Aínda así non deixan de ser moi indicativas as imaxes alusivas ao calor ourensán, que seguramente moitos de vostedes conservan na memoria do móbil. Entre outros seguramente lembran fotos de termómetros urbanos marcando récords agónicos ou a representación de Ourense como un planeta imaxinario situado a medio camiño entre o Sol e a Terra. Pero, non hai moito, as mensaxes acompañábanse doutras escenas case antagónicas, todas en relación cunha chuvia que parecía non ter fin.

Máis para detectar un cambio climático fai falta que as modificacións se produzan durante períodos de tempo relativamente longos e que se podan constatar a escala global ou rexional. Habitualmente trátase de efectos provocados por causas de orde natural, aínda que nas últimas décadas non se poda negar a incidencia da acción humana.

Quizá a percepción de cambio nas condicións meteorolóxicas que nos afectan ao longo dos nosos anos vividos, teña que ver coa apreciación persoal das temperaturas ou da cantidade de chuvia ao longo dos anos, que por moitos que sexan -oxalá foxen aínda máis- representan un ciclo demasiado curto en relación cos acontecementos envolven a vida no noso planeta.

A existencia de todo o que nos rodea é moi difícil de valorar a escala humana. E os cambios foron tan radicais que cústanos imaxinar, incluso facernos unha idea das condicións que un existiron ata chegar ás actuais. Fíxense, se como parece podemos dar por certa a teoría do Big Bang, formariamos parte dun universo que, en función dalgunhas teorías científicas, podería acadar unha antigüidade próxima aos 14.000 millóns de anos (m.a.)! Si, leron ben, "catorce mil millóns". Outra cousa distinta e que sexamos quen de facernos á idea precisa destes períodos temporais.

A Terra non é tan vella como o Universo. Pero os seus 4.000 m.a. tamén nos producen certa vertixe. Segue sendo unha cifra moi grande para o noso ciclo vital, aínda que tiveramos a fortuna de chegar a centenarios. Por iso non lles vou facer un relatorio dos numerosos ecosistemas que se foron sucedendo ao longo deses corenta millóns de séculos -aínda así continúa a ser unha cantidade enorme-, se non que veremos cambios de gran incidencia na vida do ser humano no planeta ao longo dos últimos dous millóns de anos, durante a etapa coñecida como Cuaternario, definida por Jules Desnoyers no século XIX.

Nos seus inicios aínda non temos noticias de que Europa estivese poboada. Pero non faltaba moito, sobre todo se consideramos as evidencias de ferramentas líticas do xacemento de Dmanisi, en Xeorxia, procedentes de niveis arqueolóxicos datados ao redor de 1,8 m.a. Lembren tamén os achados da Península Ibérica en Atapuerca (Burgos) e Venta Micena (Granada), que poderían remontarse aos 1,5/1,2 m.a.

Case poderiamos definir o Cuaternario por dúas características moi especiais. A primeira, a existencia dun clima moi semellante ao actual, pero interrompido por catro glaciacións chamadas en Europa Günz, Mindel Riss e Würm, denominacións tomadas de catro afluentes do río Danubio (Donau). Serían cinco, se incluímos a chamada como o río principal, a glaciación Donau. A segunda sería a aparición e desenvolvemento do ser humano en Europa, como vimos antes, o levou a outro investigadores a falar do Cuaternario como "Era Antropozoica".

Con respecto ás glaciacións, eses longos períodos moi fríos, algúns foron moi longos. Para que se fagan unha idea, a glaciación Mindel tivo lugar entre hai 650.000 e 300.000 anos, durando 350.000. Máis tamén debemos ter en conta que dentro desas etapas tan frías, existiron outras cunha mellora climática notoria, asunto no que non entraremos agora.

As condicións climáticas durante a glaciación foron moitas veces inimaxinables para nós. Especialmente terrible e rigorosa foi a würmiense, a máis recente. Ocorreu entre hai 80.000 e 10.000 anos. Case antonte, nos parámetros temporais que estamos a manexar.

Para que se fagan unha idea de como foi aquilo, voulles contar algunhas cousas desta última glaciación na Península Ibérica. Para iso utilizarei datos do investidor Karl-Otto Kopp, como facía cando era, primeiro estudante e logo docente da asignatura de Prehistoria, datos que sen dúbida sorprenderanlles. Nos seus estudios na zona da cornixa cantábrica, ofrécenos un escenario insólito. Tendo en conta que a temperatura media de verán actual móvese ao redor dos 18º C, no verán würmiense estaba nos 8º C. A de inverno de hoxe, con 8º C, contrasta cos -5º C da temperatura media de inverno por aqueles tempos.

E non é de estrañar, porque o límite dos xeos perpetuos do casquete polar -o inlandsis- que hoxe podemos ver el calquera mapa, está a unha latitude de 66º N, mentres que na etapa würmiente en Europa chegaba aos 52º N, case á altura de Londres.

A partires de aí, cara o sur, estendíanse a tundra, con clima case glacial e sen árbores, a taiga ou bosque boreal antes de entrar na zona temperada, refuxiada nos recantos meridionais do noso continente.

A Península Ibérica tamén estivo afectada pola acción dos glaciares. Porque as condicións climáticas, como moi ben saben todos vostedes, en especial os habitantes deste "pozo" de Ourense, non só veñen condicionadas pola latitude -no noso caso, a maior ou menor proximidade ao polo norte-, se non pola altitude sobre o nivel do mar.

Durante a terrible glaciación Würm os cumios dos macizos montañosos estiveron cubertos polas neves perpetuas, como ocorreu na Cordillera Cantábrica (a partires dos 1.400 m), nos Pirineos (1.300 m), na Sierra de Guadarrama (1.900 m), Gredos (1.800 m) ou na Sierra Nevada (1.900 m). Fíxense como a altitude ascende a medida que nos achegamos ao sur, é dicir, que a latitude é menor. No noroeste da península aprecianse evidencias de glaciarismo nos Montes de León, en Sanabria, nas serras Ancares-Courel, nas serras Orientais ourensanas ou na Serra do Xurés.

Nesta mesma zona e a nivel xeral, o límite das neves perpetuas würmientes estarían ao redor dos 1.500-1.300 m, mentres que na actualidade non baixan dos 2.900.2.500 m. Con estes datos anímoos a coller un mapa da nosa provincia e ver as altitudes das serras que nos rodean. Imaxinen despois como sería o ambiente por aqueles datas.

Nas zonas máis baixas, tanto nos vales como no litoral, predominaría o bosque temperado de tipo atlántico, semellante ao actual. Os espazos intermedios entre as neves e este bosque estaría ocupado por unha masa forestal de tipo subártico. Si, aquí, non lonxe dos altos que rodean o val do Miño.

Nestes ambientes medraba unha fauna que, en moitos aspectos, era totalmente diferente á de hoxe. Nas chairas que rodeaban aos xeos pacían uns herbívoros descomunais, auténticos colosos como os mamuts ou os rinocerontes laúdos. Ao seu carón podíanse ver manadas de renos e bisontes.

Os carnívoros tamén eran distintos. Cando aqueles vivían osos das cavernas, hienas manchadas, panteras ou leóns das cavernas. Os ambientes máis temperados estaban poboados por outros máis coñecidos por nós, como o cabalo, o cervo, a cabra, o rebeco, o xabarín, etc.. A eles engadíase o uro, ese touro europeo cuaternario que conseguiu sobrevivir nos bosques polacos ata o século XVII, cando se extingue.

Pero existe na sucesión e épocas glaciares e interglaciares existe outro efecto seguramente menos coñecido para os lectores que o da variación das temperaturas. É o cambio nas liñas de costa coa subida do nivel dos océanos. En efecto, nas momentos glaciares o mar baixa de nivel (regresión mariña), mentres que nos interglaciares sube, inundando terras antes emerxidas (transgresión mariña). A causa principal está na fusión ou conxelación da auga dos mares. Nos momentos glaciares gran parte da auga dispoñible conxélase, medrando os casquetes polares. Iso racha en gran medida o ciclo da auga (evaporación-chuvia), xa que está retida na forma de xeo. Son tempos moi fríos e secos. Pola contra, cando sube a temperatura comeza o desxeo e reiníciase o ciclo da auga. En consecuencia, o nivel do mar sube.

Nestes aspectos son xa un clásico os traballos de Henri Breuil e Georges Zbyszewsky sobre as terrazas costeiras en dúas zonas representativas dos litorais atlántico (Lisboa) e mediterráneo (Lyon). Para que se afagan a idea, dareilles algúns datos sobre a altura que acadou o nivel do mar no decurso dalgunha transgresión mariñas constatadas. Sábese que no interglaciar exístense entre as glaciacións Mindel e Riss, o nivel do mar subiu entre 30 m e 35 m na chamada transgresión Tirrenense. Moito máis, entre 80 m e 100 m na Siciliense, ocorrida entre as glaciacións Günz e Mindel. Quizá nos lles pareza moito. Só un cantos metros. Pero fagan unha proba: collan un mapa -valen os de Internet- e sitúen calquera lugar de costa que coñeza. Busquen a curva de nivel dos 100 m e coloreen ese espazo, como se estivera invadido polo mar. Observen que distinto é o litoral do sitio a como o coñecen agora.

Aínda máis. Se vemos o mapa da nosa cidade, comprobaremos como o río Miño acada unha cota de só 96 m cerca do dique da presa de Velle. Incrible, non si? Se agora se repetisen esas condicións a contorna de Oira estaría batida polas ondas mariñas e os nivel das augas non oscilaría polo encoro nin por a enchentas do Miño, se non polas mareas.Seguramente a paisaxe non sería moi distinta ás actuais zonas de Arcade ou Campelo, en Poio. Quizá iso volva a ocorrer nun futuro.

Mentres, nestes días ourensáns tan sufocantes, temos a opción de buscar refuxio nas praias que nos ofrece o litoral dos nosos días, o do século XXI d.C. que non sempre foi como agora o coñecemos.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats