TRIBUNA LIBRE

Adeus, amigo Tucho

02.09.2016 | 02:41

A familia popular está de loito. Esta semana deixóunos Antonio "Tucho" Garra Pallares, un histórico do noso partido que deixou unha importante pegada nos inicios da nosa formación política e que foi capaz de deixar a súa impronta persoal entendendo a política como un xeito de buscar o mellor para o pobo.

Nos albores da democracia apostou por Manuel Fraga, fundador naquel tempo da Alianza Popular que máis tarde se converteu nun dos partidos máis importantes do Estado español, o Partido Popular. Naqueles comezos da democracia, Tucho Garra e un grupo de lalinenses entre os que estaban Natalio "Campaneiro", Pepe de Goiás, Luis Isla, Amadeo Rodríguez, Francisco Sampayo e capitaneados por Alfonso da "Meiriña" propiciaron o nacemento de Alianza Popular en Lalín. Nun momento no que non era precisamente doado, ese xérmolo que Tucho, Meiriña e compañía coidaron e fixeron agromar en Lalín valeu para que Manuel Fraga tivese acubillo en Lalín. Máis tarde, coa fichaxe de Pepe Cuiña, e xa AP convertida en PP, alcanzáronse as máis alta cotas de protagonismo político no Concello, na Deputación, nas Autonomías e mesmo no Estado.

Coñecín a Tucho Garra cando cheguei á corporación no ano 87. Era un home activo, traballador e, sobre todo e por enriba de todo, boa persoa. Tiña unha virtude que non é moi habitual en política, a de que sempre che dicía o que pensaba á cara. Tucho pasou por esta vida tentando facer as cousas o mellor posible para o seu pobo, sempre defendendo aquelo que el entendía que era bo para Lalín. A miña relación con el, dende que o coñecín, sempre foi de amizade ao ter amigos comúns que nos permitían estar xuntos nalgúns encontros. Encontros dos que xurdiron multitude de anécdotas que hoxe me volven á cabeza e que me serven para recordar con agarimo a quen é peza importante na historia política e social de Lalín polas súas gañas de que os demais tiveran o mellor pobo posible.

Descansa en Paz, amigo Tucho, e que alá onde esteas sigas tendo entre as túas inquedanzas o mellor para os demais.

*Presidente do PP de Lalín

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine