Ao longo do ano 2016 sucedéronse na nosa provincia unha serie de adversidades meteorolóxicas que impediron que a produción de viño albariño se desenvolva con normalidade.

Esta situación pódese constatar no informe aprobado no pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, que estima que as perdas con respecto ao 2015 situaranse entre o 10% e o 15%, o que supón unha colleita estimada entre 26 e 29 millóns de quilos nunha vendima tardía.

O mildeu e as choivas no momento da floración do viñedo, entre finais de maio e principios de xuño, fixeron dano nas plantacións. De feito, os técnicos das grandes adegas do Salnés fan unhas previsións aínda máis pesimistas, estimando unhas perdas fronte ao 2015 dun 20% e unha colleita entre os 25 e 28 millóns de quilos.

A última estimación feita hai uns días polo propio delegado territorial da Xunta de Galicia fala dunha vendima aínda máis reducida, na que estima se van recoller 22 millóns de quilos de uva en toda a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Estas circunstancias extraordinariamente adversas van provocar perxuízos aos viticultores, non só porque se estima que ingresarán menos, senón tamén polo sistema de tributación aplicado á meirande parte dos profesionais da comarca. Este sistema consiste nun cálculo realizado polo Ministerio de Facenda para determinar o índice de rendemento neto en estimación obxectiva, que non se corresponde coa realidade actual das explotacións agrícolas.

Neste sentido, desde a Concellaría de Economía e Facenda do Concello de Cambados propúxose unha moción neste último pleno (aprobada por unanimidade), para que se inste ao Ministerio de Facenda a que aplique unha redución do mencionado índice en resposta ás condicións extraordinarias de 2016.

Sobra dicir que o sector vitivinícola no Salnés ten unha dimensión estratéxica fundamental para o desenvolvemento económico da nosa comarca e o emprego. Lembremos que a agricultura é un sector produtivo e non especulativo, polo que se fai precisa unha implicación decidida e unha aposta firme en defensa do sector do viño.

Así, o Consello da Xunta de Galicia, na reunión semanal que celebrou este xoves aprobou entre outras medidas a concesión de axudas por importe de 600.000 euros para paliar os danos causados polo pedrisco nos concellos de Monforte e Sober, nos que se estiman unhas perdas que roldan os 400.000 quilos de uva. Tamén se anunciou que o goberno galego xa solicitou ante o Ministerio de Facenda que aplique unha redución nos módulos de estimación obxectiva para as explotacións vitivinícolas desa zona.

Esta medida tomada con tanta celeridade pola Xunta de Galicia choca frontalmente coas declaracións feitas pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita ao Salnés, nas que manifestou que "hai que agardar a coñecer os resultados da colleita, para que a argumentación sexa veraz" ante a administración estatal para unha posible redución fiscal.

¿Será logo que para a conselleira de Medio Rural os 10 millóns de quilos de uva previstos de perdas na DO Rias Baixas son menos importantes que os 400.000 quilos previstos na Ribeira Sacra? Pois menos mal que foi nomeada Dona do Capitulo Serenísimo do Albariño hai menos dun mes: "¿Juráis defender siempre al Albariño y tenerlo como legítimo Señor de todos los vinos del mundo cristiano?".

Xurxo Charlín é concelleiro de Somos Cambados.