Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Soberanía estética e científica

Antonio Palacios, subrepticia e ilegalmente, introduciu no centro do escudo de España que campa na antiga casa de correos de Madrid o graal e as cruces do escudo galego. Este escudo desafiante, olla a Cibeles, o Banco de España, o Ministerio do Exército. Dalle as costa a Porta de Alcalá. O arquitecto do Porriño era home de sentimentos patrióticos que acreditaba, coma os seus colegas das Irmandades da Fala, na soberanía estética de Galicia. Non no seu palacio de Comunicacións madrileño en cuxo frontis pode verse aínda aquel escudo de Galicia, nin noutras obras dun carácter convencional que lle esixían os seus clientes, senón no concello da súa vila natal ou no templo votivo de Panxón o una Vera Cruz do Carballiño podemos contemplar o soño, realizado en pedra, dunha arquitectura nacionalista galega. Velaí Palacios.

Estamos a conmemorar os cen anos do xurdimento das Irmandades da Fala, que eran moito máis do que o seu nome inicial indicaba. Naturalmente, Manuel Antonio entendía por soberanía estética algo máis próximo de Jean Epstein do que nin puideran suspeitar nin Palacios nin Asorey nin Cabanillas nin Gómez Román. E iso, debido a que nas Irmandades da Fala (1916-1931) conviviron máis dunha xeración e fóronse abrindo moito máis ca cen flores, por lle pedir verbas a Mao. As Irmandades da fala produciron arte e literatura, mais tamén ciencia. Entendeuse a ciencia ao servizo de Galicia e dunha economía popular. A Universidade, a Misión Biolóxica, os centros forestais e agropecuarios das deputacións entregáronse á investigación para o pobo.

Non se pode pensar Parga Pondal, Areses, Luis Iglesias, Cruz Gallástegui, Rof Codina sen sentir neles o pulo patriótico e servicial das Irmandades da Fala. Loitaron polo idioma e puxeron as ciencias da natureza ao servicio do benestar das masas até o extremo de idearen o millo hibrido, a vaca rubia mellorada ou as técnicas avanzadas da repoboación forestal. Moitas destas prácticas e achádegos poderían hoxe ser impugnados, pero o pulo era nacional-popular e entusiásticamente progresista. Inciaron o século XX definindo, desde a asemblea de Lugo, en 1918, a Galicia como unha nación que aspira á súa soberanía integral.

Despois da fundación e crecemento das Irmandades da Fala, o nacionalismo galego converteuse, e para sempre, na corrente hexemónica da arte, da ciencia, do pensamento e da economía en Galicia. Celebramos o centenario das Irmandades coa exposición Saúde e Terra, irma (n)s que, dirixida por Pepe Barro, merece visitarse na Fundación Barrié de Vigo. Vaian.

Compartir el artículo

stats