Entre as perlas e declaracións, máis ou menos afortunadas, do pasado fin de Semana do 15 de agosto, o de máis actividades lúdicas no ano ao longo e ancho do noso país, o lenguaraz presidente en funcións, o ínclito sr. Rajoy, volve levarse a palma. Entre marcha e marcha tipo Robocop, o sr. Rajoy volve soltarse o pelo para proclamar aos catro ventos que ou el ou o caos, non hai máis. De novo como salvador da patria plantexa claramente o que representa a súa figura política; como diría o filósofo: "Eu son eu e as miñas circunstancias", aínda que me quedo coa fina ironía e desenfado vital do inefable Marx, dende logo o Groucho, non o das teorías socialistas/marxistas/leninistas, evidentemente, cando dixo: "Éstes son os meus principios e se non lles gustan teño outros. Pois nada amigos, a culpa do faime rir de Europa no caso de ter que convocar novas eleccións, téñena os socialistas, e sobre todo o demo con rabo e cornos de Pedro Sánchez, que non lle da o plácet, para que continúe como inquilino da Moncloa, facendo das súas. O que o sr. Rajoy esquece, evidentemente con nocturnidade, alevosia e premeditación, tirando novamente de mentiras, como todo o seu goberno durante estes catro anos dos que temos exemplos a miles, e que o sr. Sánchez, de momento, resulta que che é o xefe da oposición, e digo eu, que ¿Cando unha oposición política, ten que favorecer e permitir que o seu inimigo políticamente falando, poida gobernar a pracer? Que eu saiba, en ningures, e por suposto en ningún sistema político, democrático, social. A oposición o que fai, e tén que facer, é ser alternativa, e polo tanto discrepar e opoñer, planear novas liñas de actuación, e tentar mudar as súas opcións de chegar algún día ao poder. Pois non. Para Rajoy, o PSOE, tén que deixalo a el facer o que lle pete, polo ben de España ¡Miña nai! Éstes cando invocan o santa sanctorum de España, e o sentido de Estado, malo, algo se traen entre mans. Porque claro queren tanto a España e aos españois, que non nos queren manchar con cousas materiais e intereses persoais no seu nome, e polo tanto mellor ter os seus cartos nos paraísos fiscais máis afastados, e que a corruptela como norma de actuación que os salpica ata as cachas, non sexa senón unha anécdota, o normal, naturalmente, cousas cousiñas sen importancia, dígollo eu, si. Pero por riba de todo, sen esquecer o que fixo o Sa. Rajoy e o seu goberno, mandando a forza de rodillo, e maioría absoluta, por decreto lei e sen debate unha e mil veces, sempre polo ben do país, lóxicamente, corrompendo o sentido e razón de ser da democracia, e do Parlamento, admitindo a inocencia do propio sr. presidente, que digo eu que como secretario xeral do seu partido algo tería que saber ou maquinar neste barbullo de corruptela no que pervive o PP enfangado. Se tivera un mínimo do que reclama aos demais, faría como o sr. Mas, expresidente da Generalitat, que deu xenerosamente un paso atrás en beneficio das súas ideas, equivocadas ou non, o que o sr. Rajoy non está disposto en absoluto, insistindo na maior "Eu ou ninguén".

Pois qué queren que lles diga, eu non sei nada de nada, tan só son un pasmón de a pé, pero o que teño claro é que alguén así non o quero na presidencia do meu pais, xa sexa con terceiras eleccións ou non.