tRIBUNA LIBRE

O descontrol do xabarín no Deza

18.08.2016 | 02:33

Que a Consellería de Medio Ambiente, teña autorizado a caza de nada menos que case que medio millar de xabaríns na próxima tempada no Deza, debería de facernos reflexionar. En números redondos, medio millar de xabaríns son una enormidade de animais, e non obstante son apenas 10 máis que o ano pasado, ano no que os danos na agricultura repuntaron con respecto dos anos anteriores. Nos podemos facer así una idea do enorme número de mandas de xabaríns que hai na nosa comarca, cando 460 animais abatidos non logran estabilizar e regularizar a súa poboación nunha comarca esencialmente gandeira e produtiva como é a comarca do Deza. Non esquezamos que o xabarín pode duplicar a súa población nun ano en ausencia de esforzo de caza.

Tal cantidade de animais pon una presión enorme sobre o tecido produtivo da comarca, pero tamén sobre o noso medio ambiente. Pois o xabarín depreda na caza menor, e en toda a cadea ecolóxica da fauna salvaxe, sendo devorador de todo tipo de aves e de pequenos mamíferos, o que afecta ao equilibrio do ecosistema. O seu control polo tanto interesa a todos, produtores, cazadores e mesmo ecoloxistas que o sexan de verdade. Hai que reconsiderar dende cero a xestión do xabarín na comarca do Deza. Esta é unha comarca agraria e produtiva, das últimas que van quedando en Galicia ante o destrozo do sector primario. Os danos teñen que ir a menos, e os que se produzan a pesar dos esforzos de xestión, se teñen que pagar puntualmente aos afectados. Elo vai esixir un maior control sobre as poboacións, cun menor número de manadas e individuos que poidan soportar o noso medio ambiente e a nosa realidade produtiva. Esto é primariamente responsabilidade da Administración, que ten que poñer os dereitos das persoas, por riba da sobreabundancia e desequilibrio dunha especie que nunha comarca agraria como a nosa está perxudicando produtores, familias, economías e ata o propio ecosistema.

Pero tamén vai esixir dos cazadores unha maior involucración da habida ata o de agora, nos momentos puntuais do calendario produtivo onde maior dano se fai. Xa que a actuación dos cazadores deixou moito que desexar na campaña da sementeira do millo deste ano, agora teñen que volcarse en protexer os cultivos das 5.400 ha millo sementadas nesta campaña na comarca do Deza, do que dependerá a nosa cabana gandeira e o sustento de moitas familias e empresas e gnadeirías nos próximos meses. Por elo é inexcusable que se inicien canto antes as batidas ordinarias de caza, empezando polas zonas cultivadas e buscando o efecto de protección dos cultivos ata que o millo estea recollido. Non imos tolerar máis neglixencias nin vista gorda por parte de Tecores e da Administración sen mobilizarnos de xeito contundente, nestes días onde o millo xa empeza a ter espiga, volve a ser apetecible para as mandas de xabaríns, e onde se precisa da colaboración e do traballo de cazadores e Administración, para lograr unha campaña que permita salvar os danos xa sofridos na sementeira, e que ademáis se viron incrementados coa sequía, e co advenimiento das novas pragas que teñen forzado á recollida prematura do millo en moitas zonas da comarca. Este é un problema serio, que se ten que tomar seriamente por quen teñen a capacidade e a responsabilidade legal de actuar para resolvelo.Hai que poñerse da parte da xente que sofre os problemas, e non dos animais que os provocan. Non sendo admisible nin o desleixo na xestión nin a falta de ganas para resolver os problemas sobre os que a Lei asigna as competencias e as responsabilidades de actuación.

*Responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine