A sala de exposicións Pazo Torrado, en Cambados, conta dende o 22 de xullo coa exposición "La Rama Dorada", unha mostra da traxectoria fotográfica do artista visual e poeta galego Manuel Vilariño, un dos fotógrafos españois máis recoñecidos internacionalmente. Ademais de ser o primeiro fotógrafo en participar no Pavillón de España da 52º Bienal de Venecia, é galardoado tamén no 2007co Premio Nacional de Fotografía concedido polo Ministerio de Cultura. Despois de percorrer algúns dos centros de arte contemporáneo máis importantes do país e de parte de Europa, a súa obra achégase ata Cambados, onde estará exposta ata o vindeiro 28 de agosto.

Ao longo das nove salas que conforman o espazo expositivo do Pazo Torrado, o espectador poderá apreciar algunhas das fotografías que marcaron a traxectoria artística de Manuel Vilariño, así como algúns dos seus poemas. "O Bestiario", traballo dos anos 80, ou a serie "Aforcados", realizada no 1994, son unha mostra dos seus primeiros traballos, cos inicios en branco e negro e o posterior paso á cor.

A finais dos noventa e principios do novo século, continúa investigando co cromatismo. En "Emboscados" mergúllase na idea de retorno ao bosque, continuando o percorrido con "Cruz negra, escarabajo rojo", fotografías que amosan a influencia hinduísta realizadas en colaboración co MEIAC. Na serie de bodegóns con velas reflexiona sobre a existencia e o devir da vida que se consome sen pausa, para rematar con outra serie, "A la Aurora", xa de corte paisaxístico, na que Manuel Vilariño reflexiona sobre o próximo e o lonxano a través da mirada animal, sempre baixo a luz auroral.

A poesía de Manuel Vilariño, extraída do seu libro "Peregrinatio", e tamén presente na mostra, nace como resposta ao enigma do devir espiritual e como necesidade de facer fronte ao caos dende o seu exilio interior. O non ser, a morte, tan presente en toda a súa produción artística, é invocada por Vilariño a través do misticismo que envolve cada traballo para facerlle fronte sen temor, deixando de loitar contra ela para coñecela e comprendela como parte da vida.

Manuel Vilariño autodefínese como artista plástico que emprega a fotografía cunha clara influencia da pintura, a instalación e a poesía. O "still-life" barroco, a luz de George de La Tour, a razón poética de María Zambrano, o misticismo de San Juan de la Cruz, a cabana de Thoreau e a rama dourada de Frazer, entre outros, déixanse entrever nas súas composicións.

Con máis de medio millar de visitantes, a exposición "La Rama Dorada" estase a converter nun dos plans imprescindibles este verán en Cambados. A mostra permanecerá aberta no Pazo Torrado de martes a domingo das 18 ás 21 horas ata o 28 de agosto.

Beatriz Laya é historiadora do arte.