Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Fedor

Moito antes de nos achegarmos ao animal podre, ventamos o fedor. En teoría da comunicación, neste caso fálase de "síntoma". Vicente Risco detestou os xudeos e sostiña que eles despedían un cheiro que el chamaba, en latín, foetor judaicus. Un dos grandes poemas de Baudelaire canta a grandeza dunha prea ou animal en estado de putrefacción. Baudelaire, neste poema, introduce unha revolución conceptual: a corrupción é fermosa e forma parte do ciclo da vida. Non foi moi seguido nesta nova sensibilidade. "Les mouches bourdonnaient sur le ventre putride", cantaba Baudelaire. Sobre o ventre pútrido da Unión Europea zoan as moscas golosas do que chamamos estado de descomposición. Os organísmos descompóñense e feden. O afundimento dos imperios ía sempre unida á idea de corrupción na lingua dos historiadores de antano. A descomposición dos estados, das dinastías, dos imperios, asóciase inconscientemente coa descomposición de ventre.

A psicanálise alía o excremento co ouro e considera sempre un factor anal no exercicio do mando. A figura repelente do rato está aí sempre ao asexo, nos nosos piores pesadelos e crúzase diante dos ollos de Rimski Korsakof dominando a paisaxe do delirium tremens.

Evoquemos aquel emblema precioso, ideado por un Camus na forza da idade, que consiste nos ratos de Orán saíndo dos seus tobos á superficie para trousar vómito preto e traguer a maldita, a temíbel peste. Daquela en Galicia houbera grande pestilencia, conta o autor francés da novela de Ponthus, rei do noso País literario. Morte e corrupción, isto é a mal chamada Europa no día da data. A morte e a corrupción orgánica ocúltanse. Velaí poderes financieiros e militares unidos a un caos e unhas guerras de relixión provocadas, coma todas as guerras de relixión, pola cobiza anal de diñeiro. Algo cheiraba a podre na Dinamarca de Hamlet. E non sei eu que o arrecendo da pura, acendida rosa, émula da flama, embalsame os sentidos de quen pisa hogano a Promenade des Anglais da Niza na que nacera Garibaldi.

A maquinaria ideolóxica, económica, política e militar dos EEUU creou a CECA, logo o MC, finalmente a UE: dunha pedra a outra dos pasais non só non se contruiu Europa ningunha senón que se perdeu moita Europa.

Todo é segredo despótico en Bruxelas. Os EEUU fabrican desesperados, tratados de libre comercio ao redor do mundo para conter a descomposición do seu Imperio. Lidia Senra, eurodeputada de AGE, ao combater o ATCI (Acordo Trasatlántico de Comercio e Investimento), está a defender os intereses dos nosos pobos europeos.

Compartir el artículo

stats