Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Bens de Interese Cultural na cidade de Ourense

O Ben de Interese Cultural (BIC en adiante) é a categoría máis alta de protección que outorga a normativa de patrimonio cultural aos bens existentes. Soen ser elementos altamente representativos da ou para a cultura dun pobo. Incluso para a humanidade. Serían, por así dicilo, os bens máis sobresaíntes entre os catalogados nas lexislacións de patrimonio, a primeira división dos elementos patrimoniais.

A lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia vixente, aínda que por pouco tempo xa que o próximo 16 de agosto entrará en vigor a nova (a Lei 5/2016, do 4 de maio), considera sete tipos de BIC que lles resumimos a continuación: o "monumento", construción de relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, artístico, etnográfico, científico ou técnico. Esta categoría é a típica para catedrais, pazos, pontes, etc.. O "conxunto histórico", agrupación de construcións dun asentamento representativo da evolución dunha comunidade. Sen ir máis lonxe, contamos cun excelente exemplo desta categoría na nosa cidade antiga.

O "xardín histórico", espazo delimitado no que foron ordenados elementos naturais, ás veces con estruturas de fábrica, e de interese pola súa orixe histórica ou os seus valores estéticos, sensoriais ou botánicos. Como xardíns históricos de Galicia contamos co exemplo dos xardíns de San Carlos da Coruña. O "sitio ou territorio histórico", contorna, lugar ou paraxe natural relacionado con acontecementos do pasado, con creacións culturais ou da natureza con valores históricos ou técnicos. Na nosa cidade contamos co sitio histórico das Burgas.

A "zona arqueolóxica", sitio onde existen restos susceptibles de estudo con método arqueolóxico. Na provincia de Lugo existe o do conxunto megalítico de Santa Mariña, meseta divisoria entre os municipios de O Incio, Samos e Sarria. Os "lugares de interese etnográfico", paraxes con algún conxunto de instalacións ou construcións relacionadas coas formas de vida tradicionais e culturais do pobo galego. Son bos exemplos os conxuntos de hórreos, airas, de muíños, a aldea de Froxán, en Folgoso do Caurel ou as instalacións de pendellos para o mercados tradicional de Agolada, aínda que teña a categoría de Conxunto histórico. Finalmente, a "zona paleontolóxica", onde existen vestixios fosilizados ou non que constitúan unha unidade ou depósito coherente e con entidade.

Se comparamos a nova lei (a 5/2016) coa anterior, a nova normativa elimina a "zona paleontolóxica", quizá porque a entende dentro do concepto de xacemento arqueolóxico. Tamén engade o de xacemento delimitado ás zonas arqueolóxicas, susceptibles de estar formadas por conxuntos de xacementos.

A nivel conceptual, substitúe o BIC etnográfico polo etnolóxico, termo este último máis amplo e integral que deben levar sempre consigo todos os estudos e carácter antropolóxico.

Ao mesmo tempo introduce outros BIC: as denominadas "vías culturais", aplicable a camiños de características orixinais recoñecibles que forman parte ou que o formou no pasado da estrutura tradicional do territorio e con intereses de tipo histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico. Xunto coa anterior, a "paisaxe cultural": o lugar identificable por un conxunto de calidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade.

Máis, antes da década de 1980 non se lles chamaba así aos BIC. Foi a Ley del Patrimonio Histórico Español de 1985 a que ordenou que on bens ou elementos declarados histórico-artísticos ou que formasen parte do Inventario del Patrimonio Artístico y Arqueológico de España antes da súa entrada en vigor, pasasen a ter a consideración e o nome de BIC. O mesmo mantivo a posterior lei autonómica de patrimonio cultural de 1995 que antes referiamos.

O termo municipal de Ourense conta cunha serie de BIC, antes monumentos, con declaracións específicas dende hai moitos anos. O máis antigo é o claustro do Convento de San Francisco, dende o 20 de setembro de 1923. Oito anos despois, concretamente no ano 1931, acadan a mesma cualificación a catedral de San Martiño e o edificio do Museo Arqueolóxico e Arquivo Provinciais, antigo Pazo Episcopal. Os dous inmobles, catedral e museo, teñen a categoría de monumento.

Aos anteriores engádense a igrexa de San Francisco, en febreiro de 1951, o conxunto formado pola Ponte Vella e a capela da Nosa Señora dos Remedios, concretamente en abril de 1961 e núcleo histórico ou cidade antiga de Ourense. Este último en setembro de 1975. Tanto a igrexa "dos franciscanos" que hoxe está no parque de San Lázaro trasladada do convento de San Francisco, como a Ponte Vella e a capela dos Remedios teñen a consideración de monumento, mentres que a cidade histórica ostenta o de conxunto histórico.

A partir da referida lei do Patrimonio Histórico Español e da de patrimonio cultural de Galicia, continúanse a declarar BIC específicos na nosa cidade, sen que polo momento as declaracións se estendan, agás o castro de Santomé, ao resto do termo municipal. Deste xeito, en febreiro do ano 2000 esta categoría acolle o monumentos do Cemiterio de San Francisco. En xuño de 2002 declárase, tamén como monumento, o edificio do Liceo, históricamente máis coñecido como Pazo dos Oca-Valladares. Finalmente, en febreiro de 2007 declárase BIC o espazo das Fontes Termais das Burgas, coa categoría de "sitio histórico".

En función do anterior, o termo de Ourense conta na actualidade con tres tipos de bens desta categoría, os monumentos, o conxunto histórico e o territorio histórico. Está tamén iniciado -incoado- o expediente de declaración de BIC do conxunto arqueolóxico de Santomé. Aparentemente só son estes. E digo isto porque existen declaracións de tipo xenérico que fan que os BIC sexan moito máis numerosos. Teñen que ver con manifestacións de arte rupestre, con restos de fortificacións, con escudos brasóns, cruces de termo, hórreos, petos de ánimas e cruceiros.

En efecto, o artigo 40.2 da Ley del Patrimonio Histórico Español, cuxo mandato hereda a nosa lexislación autonómica, declara BIC as covas, abrigos e lugares que conteñan manifestacións de arte rupestre. De feito, o artigo 94 da lei que entrará en vigor os próximos días di que "Son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre". Polo tanto, debemos engadir en Ourense a esta categoría todos os petróglifos do noso termo municipal, que superan as quince rochas con representacións deste tipo.

Así tamén o decreto de 22 de abril de 1949 inclúe entre os monumentos históricos -despois BIC- todos os castelos de España, estendendo a declaración á totalidade de elementos de carácter defensivo: murallas, torres, etc.. Como no caso anterior, a nova e inminente lei regula no seu artigo 88 que os bens propios da arquitectura defensiva, salientando sobre todo os castelos, torres defensivas, murallas urbanas, construcións con baluartes, arsenais navais, cuarteis, baterías de costa ou as polvoreiras. Pero só os construídos antes de 1849 terán a consideración de bens de interese cultural.

Algo semellante ocorre co decreto referido a escudos, emblemas, pedras heráldicas, rollos de xustiza (as picotas ou postes de execución ou de cumplimento penal), cruces de termo ou pezas semellantes con máis de 100 anos (Decreto 571/1963), validado no artigo 83. 3 da nova lei: "Os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural". Convídolles a dar unha volta polas rúas do nosa cidade histórica. Verán como nese BIC que forma o conxunto histórico existen moitos outros individualizados na forma de brasóns heráldicos.

Máis nos so atoparemos este tipo de bens protexidos no espazo urbano. Se temos en conta que existe outro decreto de declaración xenérica do ano 1973 (D. 449/1973) para as construcións como hórreos ou cabazos de Asturias e Galicia con máis de 100 anos. E, como non, de novo a lexislación na nosa comunidade autónoma, tanto a próxima a extinguir como a vixente nos próximos días avala esta protección de máximo nivel. Esta última, no seu artigo 92 titulado "Hórreos, cruceiros e petos de ánimas" prevé que son bens de interese cultural, quedando sometidos e acollidos réxime xurídico previsto para estes bens sen necesidade da tramitación previa, os elementos deste tipo cuxa construción sexa anterior ao ano 1901.

Un tema distinto é a consideración dos Camiños de Santiago como BIC, asunto que recolle algunha normativa municipal vixente. En efecto, a próxima nova lei de patrimonio (Lei 5/2016, do 4 de maio) di que os Camiños de Santiago son o conxunto de rutas documentalmente recoñecidas de peregrinación, citando entre eles a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe (art. 73). Sen embargo, tamén di que só os Camiños de Santiago incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco terán a consideración de BIC. O resto serán bens catalogados, coa categoría de territorios históricos. Nesa listas non atopamos a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe que atravesa Ourense. De feito os "Camiños de Santiago de Compostela": o Camiño francés e Camiños do Norte de España" da Unesco só recollen o Camiño Francés, inscrito no ano 1993, xunto con outros catro do norte: o "Camiño costeiro", o "Camiño interior do País Vasco e La Rioja", o "Camiño de Liébana" e o "Camiño primitivo".

En todo caso, vivimos rodeados de elementos patrimoniais coa máxima categoría. Unha vez que entramos na cidade histórica ou no ámbito das Burgas. Cando accedemos á igrexa "dos Franciscanos", á catedral de San Martiño ou á ermida dos Remedios. Cando cruzamos a Ponte Vella ou visitamos o claustro de San Francisco. Cando tomamos un café no Liceo ou entramos no cemiterio de San Francisco. Son eses BIC, monumentos concretos ou partes máis ou menos estensas da nosa cidade.

Outros sen embargo, son aparentemente máis modestos, pero non menos BIC que os anteriores. É o caso dos brasóns que ornamentan moitas fachadas urbanas e do rural, de hórreos, petos de ánimas ou cruceiros de se espallan polo termo municipal ou, como non, as discretas gravuras practicadas en determinadas rochas do val de Ourense e das mesetas que o rodean. Todos eles, que agora non somos quen de contar nunha primeira ollada, ostentan a máxima categoría, a de Ben de Interese Cultural.

*Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats