Días atrás todos os informativos amosaban na súa sección de deportes multitude de imaxes dos afeccionados portugueses celebrando a vitoria da súa selección na Eurocopa de fútbol. A euforia dos seguidores lusos tiña como contrapunto a decepción que reinaba entre os siareiros franceses logo dunha dolorosa derrota na súa propia casa. Pero entre aquelas múltiples manifestacións de emocións contrapostas un pequeno xesto de apenas uns segundos destacou por riba do resto. O protagonista era un neno duns oito anos que vestía a camiseta de Portugal e que no medio da celebración decidiu achegarse a un rapaz duns vinte anos que choraba desconsolado pola derrota da selección francesa. O neno aproximouse ós poucos, coma se non quixese interromper aquelas bágoas, e ó cabo duns segundos comezou a consolar ao afeccionado francés, que non saía do seu asombro. Logo de intercambiar unhas palabras rapaz e neno abrazáronse enérxicamente, abrazo que se converteu na imaxe máis positiva dunha Eurocopa que non destacou precisamente pola convivencia pacífica entre afeccións.

O xesto daquel neno foi ó mesmo tempo un agasallo e unha pequena labazada. Agasallo porque ese detalle, sinxelo e honesto, supón toda unha lección, unha lección de como gañar con elegancia, de como priorizar o factor humano por riba doutros elementos superfluos, aprendizaxes que afortunadamente podemos modelar e empregar como exemplos de valores a imitar; pero como diciamos foi tamén unha labazada, no senso de que nos obriga a reconsiderar a imaxe que temos dos nenos e a tendencia a infravalorar o seu punto de vista. É certo que os nenos miran a vida dun xeito ben diferente a como o facemos os adultos, mírana con ollos infantís, faltos de experiencia, os cales en ocasións lles fan extraer conclusións erróneas do mundo no que viven. Mais eses mesmos ollos infantís son capaces, en situacións como a citada, de aportar unha visión tan sensata da realidade que merece a pena escoitar e ter en conta. A visión do neno pode ser o mellor complemento á do adulto de tal xeito que os prexuízos, os filtros e as desconfianzas que a miúdo arrastramos durante a adultez poden sen contrarrestados pola visión máis neutral da realidade que aportan os nenos, unha visión con menos barreiras e cun optimismo que resulta contaxioso.

Non se trata polo tanto de renunciar á experiencia e ós recursos que fomos obtendo co paso dos anos, senón máis ben de ter presente que en determinadas ocasións, especialmente cando un perde o norte, os ollos dun neno son os primeiros en percibir a luz do faro.