Xamais atopei unha compaña que acompañe tanto coma a soidade. Beleza sublime que nos enfronta co abismo e nos aproxima á sensación de vertixe, a única capaz de facernos sentir que estamos sós con nós mesmos cara o único importante da existencia mesma; a vida como tal. Ante a necidade dos discursos vacuos carentes de contido de hoxe en día, o silencio é a única saída, balsa de Medusa, na que naufragar , refuxio universal na que integrarnos coa natureza e o noso entorno tería que seren a única alternativa lóxica e consecuente. Buscar a harmonía co medio ambiente na soidade do desengano da cidade e o regreso ao medio natural, no que somos o que valemos coma homes.

Resulta imprescindible, logo, a elección da soidade como única forma real de asomarse a este mundo de feitizos,de luces e sombras, de bágoas quentes e baleiro, de pasado e ruínas, de pedras e esquecemento. É a nosa obriga tentar amosalo en soidade e silencio; ver e non so mirar, esta salvaxe fermosura natural que nos rodea, nos habitantes inconsecuentes e inconformistas da fronteira entre o cristal transparente dos ruídos, o acero e a friaxe segreda nos corazóns mancados dos homes urbanos e ela, a vida que flutúa e corre morna, libre e sen mentiras ao final dos sendeiros, nas humidades putrefactas das congostras, na escuridade luminosa das fragas e bosques, no silencio total e absoluto que chama por todos nós, dende o cumio das montañas en neve branqueadas, ou na liña vermella do horizonte descoñecido onde repousan as nosas olladas, frustracións e desencantos.

Temos que rachar, definitivamente, resúltanos xa vital rematar para sempre coa idea de que a natureza é iso que vemos ao través dunha fiestra dun coche, a toda velocidade, porque sempre temos présa para chegar a ningures, manchas pardas, borrosas de chairas baldeiras case que sempre asoladas pola man do home e o progreso que todo o destrúe ou domestica aos nosos intereses económicos, de rentabilidades, plusvalías ou beneficios.

É necesario mudar a idea de natureza que se está a asentar na mente dos nosos fillos, máis próxima a un xardín, unha maceta ou un ramo de flores cultivadas nos invernadoiros, que na grandeza dos fondos abisais descoñecidos que infunden pavor, ou as inmensidades chairegas dos cheos sublimes, por non falar dos misterios das selvas tropicais por descubrir, ou a chamada dos cumios borrascosos das cordilleiras montañosas. Nada somos diante do seu misterio, ante a súa magnitude e inmensidade inexpugnable e atraínte, diante desta beleza insubornable, que ninguén puido someter, formidable forza que chama por nós.

Nos camiños que recorremos, nas congostras, nos sendeiros polos que devagar e deixarse ir na procura de novas descubertas, de sentirnos sorprendidos polo encanto dos nosos pensamentos, no silencio da plenitude e a ausencia de toda distracción, que non sexa nós e o que nos está a arrolar en todos e cada un dos poros da nosa pel de autómatas prisioneiros da vida, de sermos e comportarnos como tales homes pequenos no microcosmos desta biodiversidade viral e natural; de verdes e ocres, de negros e brancos, de pedra e madeira, de lama e cinza, espectadores, admiradores deste enorme obra de creación que algunha vez un pintor tolo foi quen de crear como a súa obra mestra máis perfecta e completa, e que temos a obriga de conservar fronte ao espello das nosas tormentas interiores.

O fastío, a monotonía, a sensación de estar mortos en vida, carentes de soños e ilusións, de desvaríos de vida, aburrimento, non é máis que ter domesticado o noso entorno e o tigre que levamos agochado cada un de nós, ao que obrigamos a se converter nun gatiño doméstico.