O 31 de xullo de 2016 estará marcado en negro no calendario atlético polo pasamento de dous referentes do atletismo. Deixounos Manuel Agusto Alonso, un dos máis grandes fondistas galegos de toda a historia e, por unha tráxica coincidencia, tamén pasou a mellor vida Moniz Pereira, o máis grande adestrador da historia de Portugal. Foi o adestrador de Carlos Lopes (o primeiro campión olímpico portugués), Fernando Mamede , irmáns Castro, Paulo Guerra, etc. Tres dos seus atletas chegaron a ostentar o récord do mundo ( Carlos Lopes en maratón, Fernando Mamede en 10000 e Dinísio Castro en 20.000). Ademáis foi o mascarón de proa da Escola Portuguesa de fondo que tivo moitos seguidores no mundo entre eles Julio Rodríguez (adestrador de Alejandro Gómez, Carlos Adán, Julia Vaquero,etc).

Escribir sobre o pasamento dunha persoa sempre é complicado. Si enches o obituario de louvanzas parece un compracencia a persoa que finou, si o criticas parece que estabas esperando o seu pasamento para vingarte de accións pasadas . No caso de Manuel Augusto Alonso non hai posibilidade ningunha de levar a práctica a segunda opción porque foi un dos bos e xenerosos. Nun mundo, como é o deporte, onde ninguén queda indiferente e onde hai envexas e críticas, Alonso logrou concitar a unanimidade de todo o universo atlético.

Manuel Agusto Alonso si en algo foi o número un, non foi competindo ou sendo o primeiro español en baixar de nove minutos no 3000 obstáculos, foi pola súa modestia, algo que poden dar fe os seus antigos alumnos dos Xesuítas. Estamos fartos de ver deportistas vaidosos, algo que moitas veces vai unido ao deporte, pero el era todo o contrario, nunca falaba dos seus logros, nin das súas medallas, dos seus nove Campionatos de España, dos seus récords, nin das súas 33 internacionalidades. Tiñas que ir xunto a el e preguntarlle para que te contara unha determinada fazaña e o contaba dende a modestia dunha persoa que achegouse a elite do atletismo a través do máximo esforzo diario. Esa foi a outra característica principal de "Alonso" (así o coñecíamos todos). Quizais este aspecto intanxíbel non pase os libros de historia, nin aos libros de récords pero si queda na memoria colectiva de todos os que o coñecíamos.

Non foi un atleta que tivera un talento innato e que brillara de novo, non o fixo porque os logros son froito do traballo, non da calidade. Comezou no atletismo de casualidade, a súa primeira intención era acudir a unha competición de baloncesto do "Frente de Juventudes" e acabou competindo en atletismo, e como moitos outros grandes fondistas o fixo a unha idade tardía cando contaba con 18 anos . A partir desa data, nunha España cunha situación económica calamitosa, tivo que loitar pola supervivencia. Os deportistas tiñan que gañar o sustento igual co resto de traballadores. Non había privilexios, nin becas deportivas.

Os seus inicios foron con Luis Miró, un atleta republicano catalán que pola súa militancia política tivo que emigrar de Cataluña e chegou a Vigo onde fixo un gran traballo durante toda a súa vida. Alonso traballaba todo o día e tiña que adestrar ás 6 da mañá para logo ter que cumprir cas obrigas laborais. Esa era a outra característica de Alonso, o sacrificio. Por mediación de Alfonso Posada, moito lle debe o atletismo vigués a este "renacentista" do atletismo, foi para Barcelona a traballar e ao mesmo tempo adestrar no grupo de Gregorio Rojo, un dos técnicos máis afamados. Alí xuntouse co máis destacado do atletismo español en probas de fondo. Entre esas atletas que emigraran a Barcelona para adestrar, e tamén traballar porque todas traballaban xa que o atletismo non era profesional, estaba Francisco Aritmendi, un alcarreño que chegou a ser campión no Cross das Nacións (antecedente do actual Campionato do Mundo de Cross). Con ocasión do 50 aniversario do seu triunfo chameino para facer unha entrevista, preguntoume polo meu acento si era galego ao que repliquei que era de Vigo, Aritmendi o primeiro que lle viu a cabeza foi falarme de Alonso e as súas palabras foron de cariño e recoñecemento a figura de Alonso.

En Barcelona estivo 10 anos, unha emigración forzosa nunha España onde triunfar no deporte era sinónimo de esforzo máximo porque a dureza do deporte había que sumar a dureza das condicións laborais do momento.

Alonso foi un namorado do atletismo, o fixo toda a súa vida. Con avanzada idade seguía competindo e ganando medallas até o extremo de proclamarse campión do mundo de veteranos. Algúns dos seus récords galegos de veteranos están sen batir. Carlos Adán, olímpico en Barcelona 1992, recoñecíame fai escasas datas que é incapaz de achegarse as marcas que facía Alonso de veteranos. Froito de ese stakhanovismo , a hora de adestrar, chegou a ter un grave accidente com avanzada idade no ximnasio de Balaídos.

Foi constante, tenaz e traballador pero tiña unha debilidade, o chocolate. Era imposíbel non velo cun anaco de chocolate na man. Antes de competir, antes de adestrar sempre collía unha onza de chocolote e a metía na boca. Cando eu comezaba, Alonso era unha icona a seguir e nos vestiarios estaba sempre co chocolate na man. O primeiro día que o vin no vestiario de Balaídos co chocolate na man, na miña inocencia dun neno que comezaba a correr e que ademáis era lambón, pensei : "este é o meu deporte, sacrificio, traballo, constancia e... chocolate". Estou seguro que cando chegue ao ceo, o primeiro que fará será meter a man no peto e sacar esa onza de chocolate.