Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Todos os muros

A seguir da liquidación do socialismo realmente existente, o muro que separaba a DDR do enclave capitalista de Berlín foi demolido (non caeu, non). Leo na prensa santiaguesa que o meu vello amigo Xerardo Fernández Albor, eurodeputado popular ao tempo, tivo unha grande participación no proceso de anexión (Anschluss) da DDR pola República Federal da Alemaña. Nalgún relanzo do seu mythos ou parábola do Minotauro Global, Yanis Varoufakis, fai memoria (qué ben) e di: "A resposta da Alemaña ao gasto estrondoso da reunificación foi a práctica dunha deflación salarial competitiva".

Somentes un partido socialista e uns sindicatos impregnados polos servizos secretos e non secretos do Imperio, cales son os alemáns occidentais, poderían tolerar tal brutal limitación do crecemento dos salarios dos traballadores. Pero non estamos aquí a tratar nin da eficiencia europeísta de Fernández Albor, procedente do círculo Piñeiro/García-Sabell, nin do acto de demolición do muro de Berlín. Aquí só tratamos de facer propaganda, e ogallá todos os propagandistas fosen tan veraces como estamos nós a ser agora. O muro de Berlín convertérase no emblema daqueles que sostiñan a identidade xenética e práctica de fascismo e comunismo, baixo o nome de "totalitarismo".

Usando de topoi baseados en Ana Arendt e infiltrados ondequer (como diría Pondal) mundo adiante, pretendían que o Muro por excelencia, o de Berlín, era a imaxe mesma da opresión e a súa queda anunciaba o advenemento da Libertade. É a Fin da Historia, clamaba aquel Fukuyama cuxas ideas difundiu o PSOE de Alfonso Guerra. O caso é que foi demolido o muro comunista, si. Abolíronse os muros do apartheid, verdadeiramente infames.

Outros muros mantéñense ergueitos ou se levantan de novo. A verdadeira vergoña está en Israel e no muro que cerca Gaza. España alzou un muro con obxectos cortantes en Ceuta. Marrocos construiu e mantén un muro artillado por lle impedir aos saharauis a entrada á súa patria. En Texas hai muros na fronteira, e Trump prometeu outro descomunal ao longo da raia sul dos EE UU.

Le Pen, co neofascismo do Leste de Europa esixe, no día da data deste xornal, a construcción de muros destinados a impedir o éxodo que as guerras do Imperio provocaron e provocan. A Historia continúa.

Compartir el artículo

stats