Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ánxel Vence.

Crónicas galantes

Ánxel Vence

Galicia nas Galaxias

Galicia é un mundo ao que se chega seguindo as indicacións da Vía Láctea, detalle que se cadra explicará o feito de que aquí non existan tantos partidarios da independencia coma -un supoñer- en Cataluña ou Euskadi. Máis que a recluírse entre o mar e o Padornelo, os veciños deste reino tenden a dilatar as súas improbables fronteiras polo resto do planeta e mesmo pola inmensidade das galaxias, cando os medios de transporte o permitan.

Adiantados da globalización, os galegos levaron a súa vocación expansiva ata o extremo de que a cidade máis poboada do país fose non hai moito Buenos Aires. E ninguén ignora, naturalmente, que as eleccións autonómicas de Galicia teñen en realidade un alcance bicontinental, ao celebrárense imparcialmente mitins en Coruña e Montevideo, poñamos por caso.

Esta é a consecuencia natural de que os netos de Breogán nazan onde lles pete e vivan en calquera sitio onde se poda montar un Centro Galego: tanto ten si na remota Sidney ou nalgún perdido lugar da Patagonia.

Será por iso que as actuais tendencias disgregadoras na Península están a coller aos galegos co pé cambiado, de parecido xeito ao que lles ocorreu alá polo ano 1991 aos astronautas Sergei Krikaliev e Alexander Volkov.

A caída da Unión Soviética sorprendeu a estes dous viaxantes do cosmos mentres orbitaban arredor da Terra na estación espacial Mir, a catrocentos quilómetros de altura. No medio daquela convulsión histórica, ninguén lembrou que había un par de navegantes dando voltas polo espazo; e para cando caeron na conta e os baixaron, os cosmonautas empezaban a entrar xa nun proceso de desintegración física semellante ao da extinta URSS.

Algo así podería suceder agora cos galegos si na Península Ibérica se abrise un proceso de desagregación de territorios similar ao que causou a defunción do Estado Soviético. Non é probable, desde logo; pero imaxinemos por un momento que Cataluña se independiza de aquí a dous ou tres anos segundo o calendario dos actuais gobernantes da Generalitat.

Daquela non sería aventurado supoñer que o "efecto dominó" habitual nestes casos provocase apetencias de soberanía igualmente urxentes en Euskadi, na Navarra foral, no Reino de Valencia e nos arquipélagos de Baleares e Canarias. Tamén a Andalucía proveedora de flamenco, toros i enxebreza hispana se sentiría tentada, se cadra, a proclamarse nación independente. E quen sabe si seica o Principado de Asturias non valoraría igualmente as vantaxes fiscais do seu homólogo de Andorra para proclamar, na súa quenda, a soberanía da rexión.

A única que habería quedar fóra de órbita, coma no seu momento os astronautas Krikaliev e Volkov, sería, con toda evidencia, a excéntrica Galicia. O proceso de dispersión dos reinos autónomos de Celtiberia deixaría á vella tribo de Breogán en terra de ningures e sen un Estado propio ou alleo que mirase por ela.

Felizmente, a hipótese exposta é unha fabulación máis ben improbable; pero aínda así cumpriría ir elaborando un plan B polo que poida ocorrer. Aínda que, a dicir verdade, o asunto non corre presa. Pase o que pase na Península, a Galicia que tantos millóns de peregrinos trouxo polo camiño da Vía Láctea, seguiría a ser un reino perdido nas galaxias de Occidente. Como agora, máis ou menos.

stylename="070_TXT_inf_01">anxelvence@gmail.com

Compartir el artículo

stats