Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Agustín Fernández Paz (1947-2016)

Na clandestinidade antifranquista, e nos círculos da UPG, foise constituindo un xermolo sindical que saiu ao mundo da propaganda ilegal, só as siglas UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia). O punto forte da UTEG era a contestación, igual ca a organización estudantil ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos), do sistema educativo españolista e franquista. En paralelo, e complementarmente, un importante movemento de mestres puxeron mans á magna obra de anovar os sistemas e métodos educativos desde dentro da escola e ao servizo da identidade cultural e da lingua de Galicia.

Neste movemento coincidiron algunhas das mentes e das vontades mais leais, prácticas, orixinais e intelixentes do noso maxisterio. Entre eles, e nun posto destacado, situamos a figura de Agustín Fernández Paz, home sabio, inspirado e discreto. De persoas coma el había unha ausencia no país, e era urxente converter tal falta en presenza numerosa. Apareceu Agustín. Necesitabamos unha literatura infantil e xuvenil pensada en Galicia e escrita en galego para as novas xeracións gozaren daquelo que nós non tiveramos.

Agustín puxose a escribir moreas de estorias que se converteron en relatos para menores que os idosos podiamos desfrutar tamén con pracer e proveito. El foi, entón, mestre de mestres e faro iluminador da actual literatura galega para nenos e mozos. Traduciuse, e tradúcese, moita literatura para miúdos desde outras linguas ao galego. Os libros de Agustín foron traducidos, e así circulan e son lidos, a todas as linguas da Península Ibérica e nas principais linguas de cultura do mundo. En redor deste escritor fóronse creando amplios círculos de adictos; lectores que se reproduciron en todas as xeracións hoxe vivas en Galicia.

Por algún milagre ou prodixio, a alma boa do autor revelouse nos seus textos e foi respectada e mesmo querida por milleiros de seguidores literarios. Agora que a Agustín Fernández Paz, profesor de todos nós e escritor de corpo enteiro, pasou á posteridade, celebramos que un bo e xeneroso, que rebordaba autenticidade e talento, vivise nesta Patria. Felizmente, quédanos os seus libros e a acordanza da súa persona única no mundo.

Compartir el artículo

stats