Hai unha certa esquerda para a que a cal a clase obreira somos, ou semellamos ser, algo así coma un mito fundacional, unha vella tribo á que regresar de cando en vez polo seu poder coma icona. Unha escusa coma outra calquera para armar un discurso político. Sen que lles importemos NADA.

Pareceume grave contemplar, no pasado mes de xuño, cómo unha das forzas políticas de esquerdas que se presentaban ás Eleccións Xerais só tiña 3 propostas para Galicia. Unha delas era pechar Ence. Ou sexa: que unha das 3 prioridades para o presente e o futuro dos galegos e galegas é acabar co motor do seitor forestal de Galicia, enviar 5.000 familias ao paro.

Coincidirán conmigo en que é grave; pero sempre hai quen pode ir máis alá. E para esas cousas, e seguindo esa súa máxima de que sempre é mellor pasear por un solar baldeiro, a convivir con obreiras e con obreiros, sempre está disposto o alcalde de Pontevedra.

A cidadanía de Pontevedra e bisbarra soubo a semana pasada que o Tribunal Supremo lle afeara ao Concello, nunha súa sentenza, a coñecida "obstinación" que teñen con Ence. Lores e o seu equipo non tiveran tempo para facer pública esa sentenza: escondérona durante días, ata que foi a propia empresa quen a fixo pública. Pero si que andiveron rápidos para saír a valorar a sentenza. Despistando derrotas xurídicas con cargo ao erario público, o alcalde prometeu atacar a Ence e aos seus traballadores "por terra, mar e aire". Prometeu acudir a Europa. Proclamou pleitos imposibles. Volveu mentirlle á cidadanía, como fai sempre que fala de nós e do noso traballo.

O triste, o verdadeiramente triste, é a motivación que houbo detrás desa rolda de prensa de Lores: axitar as bandeiras habituais para tratar de mobilizar ao menguante eleitorado do seu BNG, para gañar titulares, para recuperar, á fin, votos, todos eses votos que se lles marcharon do seu poleiro dende hai xa máis dunha década.

Lores conseguiu ese día saír en todos os xornais. Obxectivo cumprido.

Hai algunas semanas, a lideresa do seu partido, Ana Pontón, fora a primeira en visitar as instalaciós de Fandicosta logo do incendio. Prometía futuro e solidariedade. Esquecía, por exemplo, que Fandicosta está ubicada en dominio marítimo-terrestre. E que se as teses de Lores e máis do BNG sobre a Lei de Costas, ou mesmo sobre a competencia na UE, fosen adiante, habería que pechar Fandicosta.

Claro que lles importan os traballadores e traballadoras de Fandicosta. E claro que lles importamos nós, os de Ence. Sempre que lles sirvamos para gañar votos, por activa ou por pasiva. Como sexa. Por terra, mar e aire. E sen que lles importe, se así o precisan, mentirlle á cidadanía con tanta obstinación coma consideren axeitada.

*Presidente do Comité de Empresa de Ence.