Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vicerreitora de Organización académica da Universidade de Vig o

Formación ante un cambio social

Probablemente,as persoas que tiveron a oportunidade de estudar na universidade no pasado século non recoñecerían o día a día das universidades de hoxe. Os cambios que se produciron coa intención de harmonizar os sistemas educativos europeos supuxeron, ademais, unha oportunidade de cambiar o ensino universitario tradicional, centrado no profesor, por un sistema baseado na aprendizaxe do estudante.

O cambio de modelo provocou unha modificación de todos os títulos existentes que, nas universidades galegas, consistíu esencialmente, aínda que con algunhas excepcións, en trasladar a oferta de diplomaturas, enxeñarías e licenciaturas a unha nova oferta de títulos de grao con denominacións e obxectivos similares. Pero o cambio foi máis profundo: os novos títulos están sometidos a avaliacións externas previas á súa implantación, a seguimentos anuais dos seus resultados e a auditorías externas periódicas cada catro ou seis anos. Estas novas esixencias, cunha notable carga de traballo administrativo e académico, provocan o rexeitamento dunha parte da comunidade universitaria, nun contexto de restricións económicas e limitacións de contratación de persoal, pero son, sen dúbida necesarias se queremos manter unha oferta adaptada a unha sociedade dinámica e a unha demanda social esixente. A esta demanda social, entendida no máis amplo dos sensos, é á que debemos atender, comprendendo que inclúe, por suposto, os desexos do alumnado e a demanda dos empregadores pero, sen esquecer, que as universidades deben tamén manter e incrementar o coñecemento na vangarda das artes, as humanidades, as ciencias e as tecnoloxías.

Cómpre, ademais, combater o novo discurso que ameaza con instalarse entre nós, sobre a existencia dunha mocidade sobrecualificada, excesivamente preparada. O que se precisa é facer chegar á sociedade en xeral, e aos empregadores en particular, o nivel de formación actual das nosas tituladas e titulados, potenciando os mecanismos xa existentes, pero infrautilizados, de participación de egresadas e egresados e empresas no deseño dos títulos universitarios.

No actual mapa de titulacións dentro do sistema universitario galego existe unha oferta estable de títulos de grao, con modificacións, incorporacións e incluso desaparicións puntuais. Isto non significa que a oferta sexa estática, xa que se producen actualizacións periódicas, incluso anuais, de materias, contidos e competencias. Os títulos que se imparten responden, en xeral, á demanda social da nosa contorna, entendendo esta no amplo senso mencionado. Algúns dos graos son solicitados por un elevado número de estudantes e impártense con éxito en distintos campus galegos. Outros responden a unha formación necesaria, aínda que minoritaria.

A formación máis especializada ofrécese nos títulos de máster, que poden proporcionar acceso a estudos de doutoramento ou formación de carácter profesional. Polo seu propio carácter debería tratarse dunha oferta máis dinámica, na que as universidades puidesen deseñar o seu mapa de títulos adaptándoos á demanda, ás novas necesidades e aos recursos dispoñibles. Non obstante, diversos factores, como a posta en marcha dos másteres con anterioridade á implantación dos graos e a interminable sucesión de normativas estatais, provocaron unha desordenada e extraordinaria proliferación de títulos, que motivou políticas de contención por parte das autoridades educativas galegas. No actual contexto, a oferta de títulos de máster é máis inestable que dinámica, xa que os requisitos de números mínimos de estudantes provocan que se deixen de impartir másteres sen posibilidade de coñecer e avaliar o seu percorrido e a súa potencialidade. Aínda dentro deste escenario complexo, as universidades galegas ofrecen un conxunto de títulos de máster de calidade, que inclúe os que dan acceso a profesións como as de enxeñeiro, avogado ou profesor de secundaria e outros que forman para a investigación ou a especialización en diversos campos.

Pola súa banda, os programas de doutoramento, que ofrecen formación para a investigación científica de calidade, outorgan o título universitario de máis alto nivel. A diferenza do que acontece noutros países da nosa contorna, no estado español e particularmente en Galicia, estes títulos non son valorados fóra dos centros públicos de investigación. O recoñecemento social, en especial no ámbito empresarial é escaso, especialmente en comparación co recoñecemento social do resto dos títulos universitarios.

Tanto no caso dos doutoramentos como no dos másteres, as universidades galegas colaboran na oferta de numerosos títulos conxuntos. Unha cooperación que se estende e debe continuar ampliándose a outros ámbitos universitarios, contribuíndo a acadar obxectivos, sen dúbida, comúns para Galicia e procurando simultaneamente unha especializacións dos campus, que os singularicen, os acheguen a súa contorna e os fagan complementarios.

Compartir el artículo

stats