tribuna del lector

Victorino Gutiérrez Aller, notario maior de Galicia

16.07.2016 | 02:19
Victorino Gutiérrez Aller, notario maior de Galicia

O derradeiro documento notarial escrito en lingua galega é de 1532; desde entón proscribírase o seu uso nos instrumentos xurídicos. É certo que algún que outro, anecdóticamente, foi posteriormente redactado no século XX. Pero foi a partir de mediados da década dos anos oitenta cando Victorino Gutiérrez Aller, notario de Lalín, decidíu que todos os seus protocolos serían escritos en galego; por certo, en modélica prosa. Foi tanta a produción documental expedida por el no noso idioma que se contan por decenas de milleiros os actos xurídicos documentados galeguizados. Por poñermos algúns exemplos, a case totalidade dos títulos de propiedade da concentración parcelaria da comarca do Deza foron redactados no noso idioma na súa notaría.

As escrituras públicas da autoría de Victorino Gutiérrez Aller son pezas literarias do xénero xurídico, redactadas nun estilo propio, directo, de doada comprensión, adornada con termos extraídos da lexicografía histórica, buscando sempre o matíz exacto das expresións que mellor lles acaían ás institucións propias do noso dereito privado, recorrendo con frecuencia ás paremias netamente galegas cando a ocasión precisaba da precisión. Restaurou o patrimonio toponímico moito antes dos decretos da Xunta de Galicia fixando a súa oficialidade. Ata niso foi un precursor.

Cando as familias acudían á notaría para asinaren o testamento adoito producíase un silencio elocuente que alguén, tatexando, rompía facéndolle unha pregunta: Victorino, escribíuno en galego, e valerá así? Vale, si señor!, dicíalles rotundamente, despois de explicarlles a importancia de ter un documento de transcendental natureza no idioma no que foi pensado polo testador.

Victorino foi un notario que exerceu a súa profesión galegamente, con don de xentes, respetado por todos os que acudían a el na procura de solucións para os seus problemas xurídicos. O seu humanismo e sabedoría foron compensadas con agradecementos e a admiración das xentes de Lalín e comarca.

A súa contribución á normalización lingüística nos usos xurídicos é un exemplo senlleiro na historia da restauración cultural de Galicia. Pertenceu á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia desde o momento fundacional no ano 1982, participando activamente en cantas accións desenvolvimos. O seu currículo é amplísimo salientando o primeiro "Formulario Notarial" en lingua galega, e o libro "Réxime económico familiar e sucesorio na Lei do Dereito Civil de Galicia". Participou, asemade, na obra colectiva "Contos da Xustiza", unha orixinal iniciativa literaria para dinamizar o uso da lingua galega no eido xurídico. Pero amais diso, Victorino, prodigouse como conferenciante, sen esquecermos a súa obra literaria.

Victorino é, sen dúbida, por merecementos excepcionais, o notario maior de Galicia, unha honra oficial que non existe. Ben sería que a Xunta de Galicia o distinguise con esta ou outra distinción semellante -Medalla de Galicia, por exemplo-, polo compromiso coa lingua galega. Mentres esas honras non chegan, a Irmandade Xurídica Galega, da que foi membro fundador, solicitou do Concello de Lalín a concesión do título de Fillo Predilecto para o máis significado dos seus cidadáns. A receptividade do alcalde e corporación municipal foron inmediatas. O próximo día 21 celebrase o acto institucional ao que estamos convocados os veciños do Deza e os amigos de toda Galicia, que somos moitísimos.

Parabéns, amigo Victorino!

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine