Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

A evolución dos animais

De mozo (van alá 40 anos) pasaba os veráns na casa dos meus avós. Era tempo de lecer, sen televisión, que facía do campo o lugar dos xogos ao ar libre no que a compaña dos animais era un xeito natural de integralos na vida diaria dun cativo.

Pola mañá dábamoslle de comer a gatos, galiñas e aos pitiños que as suas nais coidaban con agarimo asegurándose de que fosen os primeiros en recibir alimento. Nada lles faltaba. A seguir, tocaba lindar ás vacas sacándoas da corte para levalas ao prado dos pastos.Para iso, muxidas xa desde hora temperá, facíase uso dun can pastor que realizaba unha función de guía, garda e coidador que resultaba difícil de crer para quen non teña relación co mundo da aldea galega.

A partir da orde verbal do seu amo, sinalando o nome do prado para o pastoreo do día, o can realizaba a labor de conducir ao gando polo lado da estrada que evitase o atropelo dun vehículo, impedir que a manda invadise finca allea e, coa referencia na calor solar, provocar o retorno ordenado dos animais ao seu exclusivo cuidado.

Á hora de comer, o seu menú era só os osos da comida familiar e algunha larpeirada que puidera caer.

Naquel tempo e lugar.o trato aos animais gozaba dunha humanidade hoxe perdida. Así, as vacas con becerros lactantes ficaban en cortello individual para asegurar o subministro do leite materno ata o destete que facilitase alimentación con herba.

Os porcos facían vida no seu específico cortello, cunha coidada alimentación a base de produtos naturais da horta. Co seu engorde chegaba a matanza, día de festa familiar na que todo o mundo tiña tarefa.

Para alén dos animais da granxa familiar, o río representaba para nós o tempo de pesca co que ocupar parte das tardes de calor e, con sorte, gozar dunha saudabel cea en base a prato de troita.

Nas tarefas e xogos infantís, aínda había máis contacto cos animais e a natureza. Trampas para ratos con anaquiños de queixo, sen veleno tóxico; enredos cos gatos, coas ras, cos grilos. ..Tempo de verán absolutamente feliz.

Hoxe en día, a crianza dos animais mudou radicalmente co seu tratamento industrial. Galináceos criados en granxas pechadas, incubados artificialmente, sen coñecer a súa nai, aos que un mecanismo automatizado alimenta en base a penso para que en trinta días estean listos para poder ser cociñados.

Vacas leiteiras que só poden compartir un día coa criatura recién nacida, e iso porque o leite que producen nesa data non é vendíbel, para ver como o becerriño será alimentado por leite artificial ata facer que a sua carne leitosa, apenas en nove meses, forma parte da mesa dalgún restaurante. Os porcos de granxa, listos en seis meses.

Iso sí, a todos eles aplícaselles anestesia antes de matalos para que o efecto de dor non afecte a capacidade comercial da súa carne.

Mais aínda, as troitas engórdanse en piscinas de auga ateigadas de individuos e aos incómodos tatos dáselle veleno tóxico para que vaian morrer a outra parte.

Os cans, certamente mudaron para outro camiño ben distinto.

Agora adéstranse para que aprendan a dar a patiña, cómpraselle un impermeábel por se chove, roupa de abrigo para cando fai frío; lévanse a perruquería para que luzan guapos, e tamén dáselle penso con calcio para que teñan sans seus ósos.

Agora xa non comen ósos, non vaian afogar.

Aquí, na Vilagarcía da miña residencia, xa teñen un parque institucionalizado para os seus paseos ao ar libre, fronte a Fexdega na que podemos ollar a nenos e cans xogando entre cacas e mexos na herba do seu chan.

No ámbito españoñl mesmo contamos cun partido político, avalado por preto de un millón de votos na pasada cita electoral, que xustifica a súa existencia fronte ao que consideran maltrato animal.

Eu pregunto, aquí cál é o maltrato animal? A vida dos animais ou a súa morte?

Resultando ser os touros de lidia a súa principal causa, hai que recordar que é unha especie que vive en total liberdade, os cinco anos de media da sua vida, e que remata nunha praza de touros sacrificado sen anestesiar.

Guste ou non o espectáculo (confeso, a min non me gusta), asistir é un acto libre e voluntario. Por iso, unha pregunta final: A qué animais realmente se maltrata. Deberemos preguntar a xente das cidades con zoolóxicos que de animais saben moito.

*Veciño de Fexdega que ten que convivir co parque adicado aos cans.

Compartir el artículo

stats