Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Quédanos a luz da túa palabra

Mentres escribo estas liñas mergúllome nos derradeiros cuartetos de Beethoven para dixerir o terrible whatsapp enviado pola miña filla: "Foise Agustín". De verdade que nese intre o vento soprou máis forte, o mar alporizouse e as nubes cubriron o sol.

Non por esperado, fíxome menos dano. Agustín Fernández Paz foise coas súas cartas de inverno a un lugar ignoto. Agustín, mestre, luz, man estendida. Foise a través dunha neve interminable que escurece e arrefría un día solleiro de xullo. Foise deixando ronseis de palabras delicadas e vivas; deixando orfas a tantas persoas que o quixemos tanto. Menos mal que nos queda a súa obra. Unha obra delicada, orixinal, punxente no fondo, mais elegante na forma. Agustín deitaba en cada libro, en cada conversa, en cada conferencia emocións fondas, preguntas sorprendentes e trasnsmitía unha forza verdadeiramente exemplar.

Era moi doado querer a Agustín. Pola súa xenerosidade, pola sensación de acougo e de sentido común, pola súa innegociable ética, polo seu insubornable compromiso coa literatura, coa nosa lingua e cos seres humanos, aos que quería e aos que agasallaba tenrura dende as súas novelas e relatos. Novelas e relatos de moi variada temática. Novelas e relatos abertos, intelixentes, contidos. Novelas e relatos ateigados de claves para ampliar horizontes, para sentir que a vida ten moitas arestas e que paga a pena vivila ata o final. Como fixo el, ollando de fronte, coa cabeza ben alta o que as circunstancias lle deparaban. Un exemplo máis da fortaleza dun home bo. Dun home inquedo que tanto nos deu. Dun home que fixo da literatura a razón de vivir.

Sigo deixándome levar pola música de Beethoven e abro un poemario do seu amado e admirado José Ángel Valente para rematar estas liñas que non querería ter escrito. E leo: "?Hay una luz remota, sin embargo, / y sé que no estoy solo; / aunque después de tanto y tanto no haya / ni un solo pensamiento / capaz contra la muerte, / no estoy solo (?).

E non, non estou só, porque queda a luz da túa palabra.

Compartir el artículo

stats