Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Yves Bonnefoy (1923/2016)

Confusamente lembro un bar de nome Avenida, en Bos Aires. El parecía inquedo porque o mundo entrara nun silencio poético. El era Rodolfo Alonso e preguntara: "Desde cándo non aparece un poeta en Francia?". Logo un mutismo no que se contiñan as reminiscencias (de Rodolfo e miñas) de Manuel Antonio, Pimentel, Éluard, Lorca, Elitis, Maiakovski, Montale, Senghor? Quen aquí lles escribe suxeriu Yves Bonnefoy.

Acaba de morrer este poeta francés; este poeta francés cuxa definición é o significado do seu apelido. Conmoveume certa prosa de Bonnefoy. Trataba dun neno da Francia aldeá que, á tardiña, vai a unha granxa a compra-lo leite. Regresa á casa coa xerra ben cuberta cun pano branco. Pasa o neno rente da casa escura, preotexida de sebes inquedantes. E alí está a maldita lúa. Olla para un arró, e ve o luncincú. Sabe o neno que alí non hai vella ningunha facendo papas. Ve na fiestra a silueta negraz dun enorme home. Un pondaliano, chegado aquí, podería pensar que o meniño Bonnefoy viu o xigante de ferro saído da imaxinación do Bardo.

Eu penso que Yves Bonnefoy o que viu no interior da casa foi o home eternal de costas e con chapeu melón de René Magritte. O home estaba de costas e parecía falar. Escribe Bonnefoy que para el o home sería sempre o Extraño ("E ce fut pour moi, l'Étranger"). Morreu, pois, un poeta, que cada día se ía sentindo máis Extraño, Extranxeiro, Alleo, Outro nun mundo no que a poesía perde o sentido e se castiga a ela mesma.

A malenconía de Bonnefoy é pálida, da substancia do pó de borboliña. As saudades víñanlle a Bonnefoy de tan lonxe coma a casa onde unha vella que fai papas non está nin estivo nunca. Podíase soster a tese de que a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro acabou coa poesía francesa. E mais coa alemá. Despois de Nelly Sachs, depois de Paul Celan e dos poetas mestizos e ensangrentados da Bucovina xa non hai máis Hölderlin, xa non hai máis poesía alemá.

Viviu os derradeiros anos da súa vida nun malestar, Bonnefoy. O símbolo da "plancha ou táboa curvada", coma a "pensa nau" de Angueira, nace para expresar a dificultade da poesía do noso tempo: o tempo do derradeiro dos poetas de Francia.

Compartir el artículo

stats