O 29 de xuño de 2016 cúmprese un ano da posta en marcha do Novo Hospital de Vigo (Álvaro Cunqueiro) e cómpre facer unha avaliación da súa posta en marcha e do seu funcionamento.

En primeiro lugar temos que deixar claro que o proxecto do Novo Hospital de Vigo naceu dunha necesidade evidente, a área sanitaria de Vigo contaba con recursos insuficientes para atender ao conxunto da cidadanía, como demostran as intolerables listas de espera, tanto diagnósticas como cirúrxicas, e o concerto singular con POVISA, que atende a unha poboación de preto de 140.000 persoas coa xustificación de que a sanidade pública non ten recursos para facelo.

En segundo lugar temos que preguntarnos polas razóns que provocaron que a posta en marcha do Novo Hospital non fora acollida con esperanza e alegría, nin pola cidadanía nin polos profesionais.

A resposta pode estar en que o proceso de definición do Plan Funcional para o conxunto da área sanitaria, no que participaron moitas e moitos profesionais aportando experiencia e coñecemento, sufriu un cambio substancial coa chegada do Partido Popular á Xunta. O Novo Hospital xa non é público, senón que se utilizou a formula de "colaboración público privada" para financialo, construílo e xestionalo, co que a empresa concesionaria é a propietaria do Novo Hospital durante os 20 anos da concesión.

Ademais, o proxecto definitivo, xa construído e iniciando o seu camiño, abandonou os obxectivos iniciais, non dispón da gran área de investigación prevista, non ten tódolos servizos, permanecendo POVISA cos que xa tiña en exclusiva, non pode atender ao conxunto da cidadanía, polo que permanece o concerto con POVISA e non ten capacidade de resolver os problemas de listas de espera, nin actuais nin moito menos futuros.

Sen dubida o mellor de todo o proceso que rodeou a posta en marcha do Novo Hospital foi a resposta das traballadoras e traballadores da sanidade pública e o seu empeño en manter a calidade asistencial, moitas veces cun esforzo que vai máis alá do estritamente profesional. E xunto a isto, a reacción da cidadanía cando se decatou de que o que se estaba a facer era hipotecar o futuro da sanidade pública da nosa área sanitaria.

Desde o ano 2009 a Plataforma en defensa da Sanidade Pública da área de Vigo tomou conciencia do risco que corría a sanidade pública, non so da nosa área sanitaria senón de toda Galicia, e propuxo as plataformas do resto de áreas sanitarias a creación de SOS Sanidade Pública, que conseguiu agrupar ao seu redor a forzas políticas, sindicais, asociación veciñais, profesionais, de doentes e familiares, etc. SOS Sanidade Pública foi o instrumento que permitiu a toma de conciencia dunha parte importante da cidadanía na necesidade de mobilizarse na defensa da Sanidade Pública.

Na situación actual, coa nosa área sanitaria desarticulada, co H. Álvaro Cunqueiro sen capacidade para xogar o papel central que tiña asignado, co H. Meixoeiro sen proxecto real e crible polos profesionais, coa Atención Primaria cos seus recursos recortados, o peor de todo é a falta de esperanza no futuro que mostran eses profesionais que manteñen a calidade por riba das súas posibilidades e non ven unha implicación na mesma liña polos xestores que os políticos puxeron ao fronte da nosa sanidade pública.

A percepción das usuarias e usuarios e dos profesionais é que os responsables de poñer a funcionar, en condicións dignas, a nosa sanidade pública, ou non saben ou non queren, e se limitan a executar os obxectivos marcados pola privatización do Novo Hospital e a cumprir cos orzamentos que lles marcan.

Fronte a esta situación, e en primeiro lugar, se queremos solucións reais e con perspectivas de futuro, temos que recuperar o Novo Hospital de Vigo para a Sanidade Pública.

As traballadoras e os traballadores teñen que poder traballar con dignidade e as persoas que acudamos aos servizos sanitarios temos que poder facelo sen temor a que os intereses dunha empresa privada, que quere tirar beneficios da súa inversión, condicionen os servizos e a atención sanitaria digna e de calidade que merecemos.

Unha vez recuperada a capacidade de xestionar o Novo Hospital, teremos que facer un plan funcional novo para o conxunto da área sanitaria, que defina o papel dos Hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña e que reforce a Atención Primaria.

Para que isto sexa posible, non podemos renunciar a ningún espazo asistencial, como o Anexo I do H. Xeral, de perdelo, perderiamos a posibilidade de ter un Centro de Alta Resolución na cidade de Vigo, imprescindible, xunto co do Morrazo, para achegar a Atención Especializada á cidadanía e coordinala coa Atención Primaria.

Na avaliación final, a nota que podemos poñer ao ano de funcionamento do Novo Hospital de Vigo depende de a quén examinemos, se o facemos a unha Xerencia que aceptou o mandato de facer un traslado con criterios políticos e non asistenciais, e que o levou adiante a pesares de que era consciente de que non todo estaba preparado, non podemos máis que poñer un suspenso. Se examinamos as traballadoras e traballadores e a súa capacidade de sobrepoñerse ás imprevisións da Xerencia e de solucionar problemas sobre a marcha, moitas veces a pesares da propia Dirección, non podemos máis que remarcar cun sobresaínte o seu esforzo.

*Portavoz SOS Sanidade Pública