Campo de Granada

O liderado de Vigo

26.06.2016 | 03:06
O liderado de Vigo

Sei que a proximidade das eleccións Xerais e Autonómicas axudou a que o Partido Popular aceptase a emenda de adición do grupo socialista ao texto da reforma de lei da Área Metropolitana de Vigo na que se establece un tratamento para Vigo, como capital da Área, semellante ao dunha capital de provincia. Da man da tantas veces reclamada Área Metropolitana de Vigo, unha conquista histórica para axustar o urdime institucional á realidade socioeconómica da rexión urbana de Vigo, chegará ademais un estatuto de capitalidade do que Vigo carecía desde 1822, o que constitúe unha excelente oportunidade para actualizar e, no seu caso, crear en Vigo as dotacións e servizos públicos deste rango correspondentes ás diversas administracións, central, autonómica e provincial.

Unha noticia que faría saltar da súa cadeira a moitos dos nosos maiores, como ao concelleiro Antonio Nieto Figueroa "Leri", que contra vento e marea reivindicou durante décadas este estatuto de capitalidade, mais que tamén obriga á propia cidade, tanto aos responsables do goberno municipal como das institucións privadas viguesas, a traducilo nun liderado real tanto sobre o territorio metropolitano como sobre o eixo atlántico do noroeste peninsular. Máis alá das leas políticas, a cerna desta deboura non é que Vigo sexa capital metropolitana con institucións e servizos administrativos, xudiciais, mercantís ou culturais semellantes aos que posúe a cidade de Pontevedra, senón que este novo rango capitalino contribúa a aumentar o seu liderado no proxecto galego e na difícil competencia coas outras cidades da fachada atlántica vertebradoras de cadansúa rexión urbana, como Porto, A Coruña, Xixón ou Bilbao. Neste liderado é onde debería residir a auténtica capitalidade viguesa.

Non abonda coa letra impresa para contar con servizos capitalinos, como demostran casos como os da Biblioteca do Estado, aínda non iniciada por carecer de terreos, unha dotación cultural básica existente en todas as capitais de provincia (e, dende hai uns anos, tamén en Santiago de Compostela), para a que despois de moitos ires e vires se conseguiu do Goberno de España un compromiso de instalación en Vigo, recollido en diversos Orzamentos Xerais do Estado e finalmente retirado sine die. Como non abonda contar formalmente coa delegación de servizos administrativos, como sucede desque foi creada a "Delegación da Xunta de Galicia en Vigo", onde non sempre se poden completar todos os trámites nin na actualidade se axeita ao modelo territorial metropolitano que será aprobado no vindeiro mes de xullo.

O estatuto de Vigo como capital metropolitana obrigará aos responsables municipais a liderar o modelo de planificación urbanística e estratéxica do conxunto da nova Área, o que cremos redundaría na recuperación do papel central do "Vigo metropolitano" no eixo urbano atlántico ibérico e facilitaría o abandono das estratexias curtopracistas nos eidos institucionais e socioeconómico. Non esquezamos, tampouco, que no marco da reorganización territorial e da probable supresión futura das deputacións provinciais ou polo menos da transferencia de moitas das súas competencias á Área Metropolitana, este liderado de Vigo obrigará ás diversas institucións públicas e privadas viguesas (Concello, Universidade de Vigo , Fundación ProVigo, Instituto de Estudos Vigueses, entidades sociais e veciñais?) a participar no deseño estratéxico dos sectores produtivos sobre os que se alicerza unha economía metropolitana, hoxe dependente en exceso da hibridación tecnolóxica do sector do autómobil e da fraxilidade endémica da industria naval, con todos os perigos que iso conleva.

Nese debate estratéxico fulcral, que xa non se pode adiar durante máis tempo e que debería liderar o propio concello, Vigo xoga o seu futuro para as dúas ou tres vindeiras décadas como un dos motores industriais e culturais da fachada atlántica. Benvida, pois, a capitalidade metropolitana viguesa. Transformala nun proxecto urbano atractivo e potente, capaz de asumir un liderado territorial e económico dunha ampla rexión urbana é un reto e unha oportunidade. Como lembra o noso admirado Eladio Santos, o tempo futuro xa está aquí.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine