Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

No ronsel de Mourinho

Aseveran determinados analistas, investigadores destacados da cousa que, este que vimos habitar -España, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos, desde logo-, resulta ser un "país pendular". Como queira que hoxe mesmo -no momento en que Vdes., sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, e aínda tamén o propio cronista, están a ler as presentes liñas- andaremos no medio e medio de plena xornada de reflexión, tal semella que non conveña facermos excursións socio-electorais respecto de semellante aserto. Non obstante, se habemos proxectar o cálculo en relación ao ocorrer futbolístico e, en especial, ao que está acontecendo coa Eurocopa 2016, a tese resultante ben poida ser que, en efecto, non teñamos remedio nin sequera penitencia: antes ben, a dor de contrición está moi lonxe de figurar entre as cualidades dos afeccionados españolitos/as e, xa non digamos, entre unha parte determinante da nosa prensa deportiva cotiá. "¡Qué bonitos son los goles de Nolito!"; "¡Que sí que sí, Morata es del Madrid!"; "¡Iniesta, Iniesta!"; "¡Esta Eurocopa la vamos a ganar!"; "¡Yo soy español, español!": velaí cánticos patrióticos que, de súpeto, se tranforman en comentarios agres, sátiras e sarcasmos mil, a crónica infeliz dun derrotismo histérico/histórico. "Xa verás; luns toca Italia e eses, coas ganas que nos teñen...! Nada; en oitavos de volta para a casa, meu!" "Pero..., e se pasamos?" "Se pasamos, espérannos Alemaña, Francia... unha desfeita!" Desde logo, na hora de procurar culpables, Don Vicente del Bosque González non sae, o que se di, precisamente incólume: "Por que puxo o mesmo equipo?; "por que lle foi deixar tirar o penalti a Sergio Ramos?" En fin; aínda ben que non foi Don Gerard Piqué o perpetrador de tamaña neglixencia! Imaxinan Vdes. que, logo da fantasmagórica "peineta", viñeser ser a actual parella de Dna. Shakira Isabel Mebarak Ripoll o culpable do despropósito? Comparado con tal eventualidade, aquilo de Brunete e mais a batalla do Ebro.... pura lea de patio de colexio. Traducido: por ben menos, acabamos a paus.

Se me permiten Vdes. a pequena vaidade, direi/escribirei aquí e agora que creo coñecer un tanto os xeitos e formas dos nossos irmãos da outra beira do Minho/Miño (ben sei; ben sei aquilo de Chesterton: "qué opina Vde. dos franceses?"; "pois... que quere que lle diga?, o certo é que non os coñezo a todos eles"), co que, á miña vez, penso poder afirmar que os descendentes de Afonso Henriques, Carmen Miranda e José Saramago teñen as súas virtudes e padecen, así mesmo, de determinados defectos. Así e todo, entre estes últimos rara vez se contan aqueles da petulancia campanuda, a pendencia insensata e/ou a soberbia ignorante. En efecto, podemos atopar fillos da Lusitania pouco amables, mesmo afectados -certa clase de lisboetas, sempre con "fato de ver a Deus, muito arrumados e cheirosos"- e incluso altamente snobs. Porén, o que se di chulos-chulos..., iso de "¡Ud. no sabe con quién está hablando!", os tales deveñen, felizmente, atípicos nas verderroibas terras de Camões. Iso si: cunha notable excepción que atende -é un dicir, o de atende- por José Mário dos Santos Mourinho Félix, de profesión polemista camorrista (e, ás veces, adestrador de balompé).

Desde logo, se un servidor fose responsable do CNI e/ou demais servizos de intelixencia patria -e, xa non digamos, ministro do ramo-, poden estar certos Vdes. que tería tomado as medidas pertinentes. E é que, se ben é boa verdade que os problemas da selección española de fútbol proceden da noite dos tempos, non é menos certo que está moi claro, cristalino que o "tal Mourinho" tivo -e ten- como obxectivo decisivo da súa malvada estratexia, a desgraza, perda, catástrofe e destrución calamitosa do combinado nacional español; isto é, "la roja" arrebolada aos abismos. Nin máis nin menos.

Daquela, todas as controversias disparatadas: así as (supostas) "peinetas" e desplantes de Piqué como as arroutadas do seu compañeiro nos labores defensivos, D. Sergio Ramos García, as desavinzas de Diego Costa, as inexplicabes desaparicións momentáneas que chegan a afectar ao inconmensurable Andrés Iniesta... e, xa non digamos, as saídas a por uvas de Íker Casillas... todo, absolutamente todo, obedece a un plan sinistro do cal José Mourinho resulta ser, xa que non o último responsable -habería que grabar, con permiso xudicial de por medio, certas conversas nos palcos do Bernabéu e/ou do Camp Nou- si que un axente de campo decisivo. En fin; habida conta de que o actual adestrador do Manchester United andou, como é ben sabido, por terras italianas, se eu fose Vicente del Bosque, xa estaría coa mosca tras da orella e clamando aos Madriles para que enviasen de contado a Alex González/Javier Morey e compañía a investigar como lle cómpre tamaña conspiración. En xornadas patrióticas estamos, non? Pois aínda que sempre en funcións, xa demora o goberno en tomar as medidas pertinentes! Se Ramos, ou quen lle cadre, volve fallar outro penalti na tarde do luns, 27, xa saben Vdes. por onde corren as lebres; o que avisa...

Compartir el artículo

stats