25 de junio de 2016
25.06.2016
tribuna del lector

Os premios Peña Novo no cambio dun ciclo

25.06.2016 | 02:17
Os premios Peña Novo no cambio dun ciclo

A Fundación L. Peña Novo leva vinte dous anos convocando os premios anuais co nome daquel intelectual vilalbés que protagonizou nos primeiros anos do século XX a modernización do discurso galeguista. A el débeselle, en grande parte, a incorporación ao discurso da identidade das correntes filosóficas que agromaban no mundo despois da crise do ano 1917, abandonando a dinámica exclusivamente literaria herdada do movemento literario do Rexurdimento.

Nunha sociedade eminentemente labrega, cunha feble proletarización, unha sangría emigratoria considerable e unha taxa elevadísima de analfabetismo, Galicia precisaba crear estruturas sociais que organizasen a todos os sectores para cambiar o rumbo da historia. Velaí o acerto daquel nacionalismo que soubo intepretar con acerto cales eran as contradicións sociais e económicas dun réxime político inservible para satisfacer as necesidades da maioría do pobo.

Aqueles tempos convulsos no mundo que habían traer grandes transformacións en todas as ordes gardan moita relación, salvando as distancias do tempo, coas que hoxe estamos a vivir. Se naqueles anos as Irmandades da Fala elaboraron proxectos políticos imaxinativos para remover o atraso económico, sen desvencellalos da pedagoxía necesaria para acrecentar a conciencia de galeguidade dos seus cidadáns, hoxe, do seu exemplo aínda podemos tirar algún proveito para seguirmos artellando un modelo novo de afrontar os retos dos cambios estruturais que a globalización provocan coa aparición de novas formas e procesos espaciais.

O xurado dos Premios Lois Peña Novo unha vez máis soubo aplicar con acerto os criterios para conceder os galardóns deste ano, que recaeron en persoas e institucións que en cadanseu eido están apostando por alternativas propias tinguidas de inequívoco galeguismo.

Velaquí, sucintamente, os méritos dos premiados deste ano:

Don Francisco Díaz-Fierros Viqueira, doutor en Farmacia, catedrático de edafoloxía e Química da USC. O seu labor científico centrouse no estudo dos solos e da climatoloxía agrícola de Galicia, recoñecéndolle o xurado a utilización e valoración da lingua galega no eido da ciencia o que supón un incentivo para o seu uso en espazos nos que habitualmente non está presente.

Don Xosé Manuel Cid Fernández, doutor en pedagoxía e profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. O seu labor no desenvolvemento de programas de renovación pedagóxica é o exemplo, tanto en Galicia como en Portugal, para entender un ensino transformador vencellado á realidade social e cultural.

O Concello de Brión, porque desde 1979 é un modelo de corporación local preocupada pola defensa da identidade de Galicia como pobo con cultura e lingua de seu. Ao tempo, considera o xurado que o Concello de Brión ten aplicado políticas eficaces para a modernización e eficacia na prestación dos seus servizos públicos.

Tres esteos que terman de modelos de actuacións para reformularmos a estratexia fracasada das últimas décadas nas que fiou todo á literatura e os seus creadores; un papel que transcendía con moito a súa función. Nunca Galicia tivera tantos medios -materiais e humanos- para reencontrarse coa súa identidade e, sen embargo, nunca a frustración fora tanta, se a comparamos co titánico e creativo traballo que tiveron que facer os homes e mulleres das Irmandades da Fala para sortearon toda clase de dificultades derivadas das sinerxias de moitos séculos de desgaleguización. Hoxe,como noutrora, cómpre renovación urxente dos métodos de traballo para irmos ao compás das mudanzas.

O próximo día 30 do mes que andamos, ás sete e media da tarde, voltaremos ao patio de armas do castelo de Soutomaior para honrarmos aos que fan do súa actividade profesional un exercicio patriótico a imitar. Amigos lectores e lectoras, as portas da fortaleza están abertas para recibilos.

* Presidente da Fundación L. Peña Novo

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine