25 de junio de 2016
25.06.2016
tRIBUNA LIBRE

O himno da Estrada e Figueiroa

25.06.2016 | 02:37
O himno da Estrada e Figueiroa

O pasado mes de abril tiven o privilexio de poder compartir uns minutos -xunto con Valentín García- cos nenos e nenas do estradense CEIP de Figueiroa. Convidounos o director de centro, José Manuel Reboredo e falámoslles (Valentín máis que eu) de "A Estrada rural", do escudo, da bandeira e de Manuel Reimóndez Portela por celebrarse o centenario do seu nacemento. Tamén falamos do himno.

Foi un encontro moi gratificante e participativo no que os alumnos de Figueroa mostráronse atentos e interesados.

Ó contrario de tantos outros o himno da Estrada non vai contra ninguén, non chama ás armas nin fala da guerra ou de conflitos sociais. O noso himno -obra do poeta García Bodaño- é un delicioso canto á terra, á xente, á paisaxe, á paz, á irmandade, á liberdade?

Falei de todo isto con Reboredo e díxenlle, porque así o considero, que é unha mágoa que non sexa máis utilizado e coñecido, máis cantado e interpretado. Estivo de acordo e comprometeuse a que antes de fin de curso o alumnado do colexio estaría en condicións de executar as notas do canto que nos identifica.

E así foi. Fai uns días recibín un "WhatsApp" (bendita tecnoloxía) contendo unha gravación en vídeo. Nada menos que 96 voces dos alumnos de quinto e sexto de Educación Primaria cantaban no patio do colexio, baixo un sol de xustiza, o fermoso himno da Estrada.

Acompañábanos 37 músicos da banda do Conservatorio na que non faltaban a corda, a percusión e os demais instrumentos baixo a batuta de Javier Comesaña.

Emocionante. Incluíron esta actividade dentro do proxecto "Estrada de Estradas" que quixeron rematar cun festival en homenaxe ao himno, ao persoeiro que o fixo realidade e, en definitiva, á tradición musical estradense. Puiden saber que a profesora de música Rebeca López tivo moito que ver no asunto.

É moi importante que os nosos pequenos coñezan e participen dos símbolos que nos distinguen sen apartarnos de ninguén. Por iso o meu agradecemento e felicitación. Di o noso himno que "a palabra é lei dita na Estrada". José Manuel Reboredo e toda a comunidade educativa de Figueroa sábeno e practícano. Que resoe polos vales e os outeiros.

*Presidente do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) e fillo de Manuel Reimóndez Portela.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine