Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Proxecto común da Nación Galega

Días antes de se produciren as eleccións parlamentarias españolas, nas que os independentistas galegos comparecen En Maré integrando un proceso de unidade da esquerda como non se coñecía no Estado Español desde 1936, chéganos un novo libro escrito pola man sabia de Xosé Manuel Beiras: O proxecto común da nación galega, Laiovento, Compostela, 2016. Trátase dunha obra destinada a perdurar, como todas as anteriores do seu autor, e que sinala un camiño para o pobo galego que replica outro que sempre o Home admirou no ceo distante.

Nas súas páxinas iniciais, Beiras explica, de modo brillante, a imaxe da historia e do progreso humanos como unha Espiral. Se ollarmos a bóveda celeste en circunstancias adecuadas asistiremos emocionados, á imaxe da Galaxia. As nebulosas, formadas de corpos, e silencios de corpo do Universo tenden a adoptar a forma espiral, igual que a humilde auga do noso lavabo a adopta ao se ir polo sumideiro e tamén a cuncha dos simples moluscos gasterópodos. Hai un intre en que o proceso histórico parece que vai repetirse, pero non é así porque a espiral é ascendente o nunca as cousas son o que parecen ou o que o poder que trata de frear a espiral quer que parezan.

En 1936 o fascismo, forma superior do poder capitalista, parecía que ía comer o mundo, e aínda foi capaz, despois de tres anos de guerra de España, de nos comer a nós. Fíxose necesaria, daquela, a política de Frentes Populares. Os nacionalistas galegas (Castelao, Bóveda, Picallo, por falar de deputados) escolleron a vía antifascista da Frente Popular e foron ás eleccións de 1936, que gañaron. Xunto o PG cos partidos de esquerda de dirección española que aceptaban a nosa condición autodeterminista. Había que frear o fascismo, ou feixismo. Parece que a Historia se repita, aínda que non se está a repetir. O poder planetario do grande capital xa non é fascista, aínda que a troika que nos domina sexa un poder cruel, deshumano e profundamente contrademocrático, alén de escuro e abstracto.

Cumpre, agora acabar co réxime da Transición Borbónica, como contribución á ruína da situación de penuria e fame que nos domina. E aí as están, En Maré e en Galicia, e en nacións e lugares de territorio español as Unidades Populares que apuntan ao final "desta vergonza". Filgueira Valverde non apoiou a Castelao en 1936 (era pouco galego para el) e hoxe estaría Contra Maré.

Compartir el artículo

stats