O lume é o representante do sol na terra e un dos catro elementos que segundo os filósofos eran necesarios para a vida, xunto co aire, a terra e a auga, é o protagonista de numerosas festas relacionadas con este elemento, as cales pérdense no tempo. Na súa maioría son celebracións de orixe pagá con exaltación do sol, que xorden cando o home colle conciencia das estacións e do seu significado agrario.Os ritos do lume representan a unión coa identidade histórica galega, converténdose na autoafirmación do pobo. As lapas caladas da lareira, as que non se lle podía chuspir, e tampouco se podía maldicir na súa presencia, o lume que marca o fin do Entroido, a fogueira de San Xoán ..., forman parte fundamental de esta terra, é a xuntanza do home cos seus máis remotos antecesores. A chegada do solsticio de verán é o 21 de xuño, pero por presións da Igrexa Católica pasou a celebrarse na noite antes do día de San Xoán, o 24. Deste xeito este santo do cal a súa imaxe está espallada por moitas igrexas galegas, asume o cargo de darlle un carácter cristián a este día.

A orixe da fogueira xa se perde nos tempos, pois as festas cíclicas coma esta, celébranse en toda Europa dende a prehistoria. Esta noite a máis curta do ano, é noite de meigas, e a principal arma para loitar contra os males é o lume, un elemento de carácter purificador e de protección. Así xurde a costume tan coñecida na noite de San Xoán como é saltar por riba da fogueira varias veces, cumpre un número impar, preferiblemente nove veces.

A festa da fogueira ten un carácter especial, tanto nas vilas grandes como nas pequenas, é que arredor do lume se xuntan todos os veciños e amigos. Tradicionalmente non había un sitio fixo para facer a fogueira, podía ser na eira, na praia ou na encrucillada de camiños, actualmente os pobos xa teñen un lugar fixo para gozar desta noite. Outros pobos, como Moaña, conta coa xa tradición da fogueira do Con, con máis de cen anos de antigüidade. Outro que tamen está collendo moito empuxe nos últimos anos é a de Meira, no Samertolameu. Xunto co lume hai un segundo protagonista que é a auga, segundo as crenzas tradicionais a auga que se recolle nas fontes na mañá de San Xoán, chamada flor da auga, empregábase para combater diversas doenzas nas mulleres, especialmente a da soltaría. Tamén si se quere saber o que nos traerá o futuro, de madrugada débese poñer a clara dun ovo nun cacharro con auga, o debuxo que marque o atoparemos a mañá seguinte amosándonos o que pasará.

Conta a lenda que na parroquia de Cela hai unha fonte a carón da antiga capela de San Lourenzo. A súa auga tiña propiedades milagreiras, curaba espullas e feridas. Era costume que na noite de San Xoán foxe a xuventude de troula monte arriba ata a fonte, alí lavaban a cara e as mans, dese xeito as partes do corpo máis visibles quedaban purificadas e limpas ata o outro ano.Poderes especiais tamén ten o orballo desta noite, que é empregado para curar enfermidades relacionadas coa pel. O auga do mar xoga un papel importante nesta celebración. É famoso o baño das nove ondas que toman as mulleres para poder ter descendencia, do mesmo xeito tamén ten poder especial o auga que se bebe nas fontes e mananciais. Estas costumes probablemente veñan do culto romano ás ninfas e ás divindades das fontes. De entre todas as crenzas tradicionais a que máis arraigo ten é a de lavarse con auga de rosas para conservar a beleza. Este outro elemento na noite de San Xoán, as plantas, as famosas herbas de San Xoán (o cacho), que se acostuma a poñer pola noite en portas e fiestras, metidas en auga onde quedan de remollo e a mañá seguinte lavámonos con ela. Relacionado coas herbas hai unha lenda recollida na parroquia de Santa Baia de Meira, Moaña, onde existe un terreo coñecido como a Devesa de Rei. A historia que se conta é a seguinte, cando alguén estaba encantado, para desfacer o encantamento había que ir na noite de San Xoán a recoller a flor do fento, a variedade máis alta, a flor con esporas. Despois fervíase en auga, bebendo un vaso cada día ata completar sete días. Actualmente este lugar foi arrasado polo Corredor do Morrazo, quedando só a lenda popular.

Nalgúns lugares de Galicia aínda hai costume de enramar a casa toda a noite, do mesmo xeito que se leva a cabo na primavera, coincidindo cos Maios. O paganismo e a forza da tradición, invaden por un día o mundo rural e urbano, algo que só volve a pasar nos días do Entroido. Nesta noite máxica preñada de tradicións, ábrense as portas das casas para que o aire e máis o orballo entren en cada curruncho, as parellas saltan a fogueira coa ilusión de casarse ese ano, as namoradas len na auga macerada o nome do seu namorado, o supersticioso espanta os males e o enfermo purifica as súas doenzas ó calor do lume. Nalgúns lugares mantéñense costume xa esquecidos noutros, como é agochar o carro do veciño, sacarlle as ovellas da corte e amarralas no cruceiro, levar as cancelas, portais, cambiándonos de lugar.

Non podemos esquecer que esta é unha noite meiga, na cal as bruxas se xuntan arredor das lareiras transformadas en laboratorios, onde fan ungüentos e apócemas mentres din conxuros para que as guíen no seu voo nocturno. Outros din que algunhas bruxas prefiren recibir o solsticio ó amparo dos montes, nunha chalana no mar, en descampados, en covas, ríos, encrucilladas ... Polo tanto, o saltar por enriba do lume debemos dicir ¡meigas fora!, pois deste xeito afastamos os males que poidan vir, e tamén as bruxas que nesta noite andan as súas anchas por todas as esquinas.

Subliñar que a fogueira non é exclusiva de San Xoán, pois ata non fai moitos anos, no Morrazo tamén se prendía lume na noite de San Pedro. Normalmente o final destas celebracións se prepara a queimada, onde o lume e o augardente se converten nunha apócema máxica, do seu conxuro saen poderosas palabras que espantan sapos, curuxas, mouchos, bruxas e trasnos, transmitíndolle deste xeito o licor o poder purificador do lume, así non é estraño que a xuventude, maioritariamente, aguante toda a noite de troula desenfreada.

Afirma un coñecido dito que Galicia é Terra Meiga. Algo de verdade hai en tal afirmación, porque meigallos no sentir da xente, habelos hainos. Máis para tranquilidade de todos, a sabedoría popular dispón de todo un arsenal de remedios para afrontar calquera continxencia, como aquí queda recollido. Así pois renda solta a noite máxica, a máis curta do ano.

(*) Veciño de Moaña