Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

PXOM de Agolada, as chaves

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Agolada, despois de 15 anos de fago-non fago, foi aprobado inicialmente polo pleno municipal do concello o pasado día 17 de marzo. Foi publicado no Diario Oficial de Galiza o día 28 de abril e permanece en exposición pública durante dous meses, ata final xuño. Durante este prazo calquera interesado/a pode examinalo nas dependencias municipais para formular as alegacións que considere pertinentes ou obter copias. Tamén está exposto na páxina web do concello, http://www.agolada.es, onde se pode descargar por partes ou na súa totalidade.

A primeira eiva que se pode achacar a este plan é a falta de información. Dende o concello, contrariamente ao que se fai noutros casos, non existiu ningunha información deste procedemento cara as parroquias, tampouco no casco urbano. O normal nun tema tan primordial como este, sería a publicación de bandos de alcaldía informando do proceso, así como facilitar a cada parroquia os planos e normativa pertinentes para ser expostos no local social que corresponda e os interesados poidan examinalos. Algo normal, nun concello normal... E non vale dicir que xa se explicaron naquelas reunións informativas de hai un ano porque aquel non era o momento de facelo e ademais o documento sufriu modificacións posteriores, e tampouco se podían facer alegacións de forma correcta e legal como agora. Este é o momento de facelo segundo a Lei do Solo de Galiza.

Segunda eiva. A inseguridade pola chapuza na elaboración do proxecto. A empresa redactora, e o goberno municipal que o permitiu, comete moitas inconcrecións na redacción do documento. Nótase que a empresa non pisou as parroquias, limitándose a coller planos e ortofotos e sobre eles elaborar o plan. Senón, non se comprenden incoherencias entre uns núcleos rurais e outros, ou entre zonas do casco urbano. Non hai criterios obxectivos polos que rexirse na calificación do solo. Así como un "corta e pega" da Lei do Solo de Galiza na redacción das ordenanzas reguladoras de cada tipo de solo. Para iso xa está a lei, non facía falta copiar a normativa desta, habería que ir máis alá dentro do que esta lei permite, adaptándoa ao caso particular do noso municipio. Por tanto, para a cantidade de cartos que cobra por facelo, é moi cativo o resultado obtido.

Terceira eiva. A pouca ambición urbanística no casco urbano. Apenas se declara zonas de Solo Urbano non Consolidado (Sunc). Solo que, sendo xa urbano, precisa de plans posteriores para o seu desenvolvemento. Pero que xa agora se catalogaría como solo urbano. Esto fai que parte da Avda. Joaquín Loriga-estrada de Melide ata o o polígono industrial (Os Chousos) así como a Zanquiña, fiquen como solo de núcleo rural, sendo esto unha aberración xa que teñen comportamento plenamente urbano e non rural. Cando o óptimo sería calificar a estas como Sunc. Igual existen persoas que afirman que a consellaría non permitiu iso, pero entón a alcaldía de Agolada tén moi pouca capacidade de interlocución con eses responsables, por non dicir ningunha.

Cuarta eiva. Delimitación dos núcleos rurais. Cal é o criterio a seguir? Non hai. Nalgúns casos fican fóra de núcleo (e, por tanto, fóra de ordenación) casas tradicionais centenarias, e, polo contrario, introdúcense no núcleo casas de construción moderna de hai vinte anos. Sen criterio ningún. Chegando incluso a deixar aldeas enteiras fóra de ordenación ao non consideralas núcleo rural, cal o caso da aldea de Paradela na parroquia de Carmoega... Ou cortar pola metade aldeas de casas tradicionais, como o caso da aldea de Quintela, na parroquia de Brocos... Ao figurar fóra de ordenación as dúas únicas vías que lle queda a esas construcións son ir a un expediente de reposición da legalidade (pero se xa eran legais, por qué ter que pasar por ese trámite enfarragoso e costoso) ou acabar en ruína. Engadido o prexuízo de que a lexislación hipotecaria non as admite como garantía en préstamos e hipotecas, co que isto significa. Ou sexa, fican sen valor.

Quinta eiva. Dotacións. Apenas aparecen infraestruturas dotacionais nos núcleos rurais tipo alcantarillado e traidas de auga públicas (non hai plan dotacional feito con razocinio e así figura alcantarillado nunha zona da parroquia e noutra non... con qué criterio?) Tampouco espazos de zonas de lecer. Incluso algún espazo público dalgunha parroquia desaparece dos planos, Campo da festa de Brocos (que pasa a ser solo agropecuario. Alguén terá interese nel por usocapio?).

Conclusión. Aparte doutras consideracións, e hai moitas que facer, podemos dicir que para este viaxe non precisabamos destas alforxas... Cando eu era concelleiro e propoñía un plan xeral para Agolada hai vinte anos, tiña como obxectivo que o municipio quedara ben ordenado. Onde a zona urbana fose medrando ordenadamente e con racionalidade en función das necesidades poboacionais. E os núcleos rurais fosen delimitados no que ningunha vivenda, polo menos tradicional, figurase fóra de ordenación. Un plan que contemplase infraestruturas e dotacións tanto na zona urbana como nos núcleos rurais acordes á calidade de vida que se supón nos tempos que vivimos. En fin, un plan, ao contrario do que se propón, que mellorase a vida das persoas deste concello e non puxese atrancos a vivir no rural.

*Veciño de Brocos (Agolada)

Compartir el artículo

stats