Carta aberta para o equipo de goberno do Concello de Moaña.

Vexo días atrás en Faro de Vigo unhas declaracións dicindo, que habendo problemas cos familiares da dona da antiga escola de Sabaceda, se nos manda aos veciños deste barrio e algunha outra aldea a votar a Tioura na Paradela e ás Barxas. Dende que hai democracia sempre Sabaceda tivo mesa electoral; comezamos votando na desaparecida preescolar e logo nun bar ata que un grupo de veciños conseguiu da familia da propietaria a cesión da casa-escola de maneira case gratuíta. Por non ter, xa non temos un local para votar nin para actividades lúdicas ou de reunións, e non vexo ningún movemento por parte do goberno de Moaña para solucionar este problema, pero tampouco por parte da oposición.

POR NON TER, non temos nin un paso de cebra nin sequera no semáforo para cruzar a PO-313 sen temor a ser atropelados.

POR NON TER, non temos nin un parque infantil.

POR NON TER, non temos nin un banco para sentarse os vellos ou viandantes.

POR NON TER, non temos traída de auga municipal.

POR NON TER, non temos alumeado público en zonas de A Xalde de Abaixo que usamos diariamente os veciños para ir ao cemiterio, á igrexa de San Martiño ou para acceder á vía rápida a través da rotonda de Paxarín.

Quedándome máis cousas no tinteiro, e non tendo nada, esiximos se poñan mans á obra para solucionar os problemas descritos, co obxecto de que non nos quiten ata as gañas de ir votar.

*Veciño de Sabaceda