Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Socialdemócrata (b)

O banquete da Transición, despois dos postres, quedou en migallas que só os cans máis esfameados procuran. Hai uns tempos, o rapaz máis odiado dixo algo referente ao "asalto aos ceos". Un enxamio de bareixas engordadas polo sistema bipartito da Transición botouse a el. Ignoraban que anteriormente, este humilde columnista que lles escribe, puxera nun poema de 1992 a expresión "asalto ao palacio dos Ceos".

Son eu o inventor da figura? En realidade, non: hai outro, moito máis sabio ca o rapaz e ca min, que a usou antes, referida á Comuna de París. E, por súa vez, o que construíu primeiro de todos a idea de asaltar o ceo foi alguén moi ilustre na cultura alemá cuxo nome ignoran os periódicos de Madrid e que eu non revelarei hoxe neste caro FARO. Que estuden.

Logo veu o rapaz, que os ten loucos, e tendeulles aos sistemáticos españois sen cultura suficiente un lazo: ou dispuxo para eles un ichó, tal vez mesmo un panterlo (Álvaro D'Ors Pérez-Peix explicou a verba galega). O engano foi decir o rapaz "eu son socialdemócrata".

Habituados a non ler no libro da Historia, nin moito menos no da Historia das Ideas, a trangallada da dereita carpetovetónica (viva agora Cela) púxose furiosa.Estase facendo a furiosa.

Predican (eles, os adaptados) que o rapaz quere demoler o partido de Felipe González para se pór no seu sitio e, por parte, acabar cos verdadeiros comunistas (leais ao Borbón na Reforma). Vexan que, derradeiramente, todo o mundo chora en Galicia polo BNG desposuído e, en España pola IU que caeu na ichó, ou encabezou unha malla do xeito do rapaz.

Depende de se somos cazadores ou pescadores. Na realidade o rapaz está a decer que o partido socialdemócrata é o seu: o deste simple columnista tamén o é, porque socialdemócrata era o de Liebnecht, o de Rosa, o de Lenin, o de Trotski, o de Stalin, e así até contemplar as miríadas, o cardume dos mestres dos que morreron no leste de Europa para acabar co nazismo.

Todos ós imbéciles do Himno Galego pensaron que "socialdemócrata" era aquilo que a CIA cociñou coma tal en Occidente e á fin da II Guerra Mundial. Pero, non. Confundiron a palabra, e o rapaz estalles obrigando a enviala renovada. Non esquezan que a fracción de Lenin triunfante ao fin era a socialdemócrata bolxevique. Moito daño fixo Santiago Carrillo en España, penso eu lendo un recente artigo de Alberto Corazón contra Podemos e contra IU.

Compartir el artículo

stats