Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aforamento de terras en Meira

O historiador Jacinto García lembra este episodio que ocorreu na parroquia o 9 de xuño de 1690

"En la villa de Meira, a nueve días del mes de junio de mil seiscientos y noventa años, ante mi escribano y testigos parescio presente..."

Así comeza a escritura de aforamento polo que Gregorio Rosales Troncoso, en nome e representación de D. Luis Sarmiento de Valladares y Meira, marqués de Valladares e señor da Casa de Meira (I vizconde de Meira) "afora y da en aforamiento" a Francisco García, Pedro Garrido e Francisco de Meira, todos veciños de Meira, unha serie de fincas ou tomadas en diferentes lugares desta vila.

A vila de Meira, asi nomeada en moitos documentos de interese histórico, era daquela un couto redondo adscrito á familia Valladares, titulares que eran da antiga casa nobiliaria de Meira, con xurisdición sobre bens e persoas deste anaco de terra do Morrazo. Así se desprende do documento ó que nos estamos a referir, pertencente ó Protocolo do notario D. Jacinto González Otero (Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra). Trátase dun contrato de foro para a cesión da terra a longo prazo, moi presente no campo galego a partires da Baixa Idade Media, polo que o marqués de Valladares e I vizconde Meira, a través seu representante Gregorio Rosales Troncoso, outorga terras por un tempo definido e cunhas condicións determinadas, ós anteditos veciños desta vila .

Así, a Francisco García e Pedro Garrido "afora y da en aforamiento? y para sus mugeres(sic), hijos, herederos y quienes su derecho aya, hes a saber las tres tomadas". Dúas delas situadas no lugar de Lourido, de monte e abertas, xuntas unha coa outra; o seu tamaño: sesenta varas de a trece palmos cada unha de lonxitude por vinte varas de ancho, "las quales(sic) hacen de sembradura cinco ferrados de pan más o menos". Demárcanse estas fincas, polo norte cun rego de auga que ven desde o lugar de Penduradas (Dependuradas), e polo sur co camiño que vai de Meira a Domaio; "y por la traveçía(sic) con outeyro de piedra que se dice de Jelbome" (Xalome ou Xalo home). A terceira tomada aforada a estes veciños, a que lle chaman das Dependuradas, ubícase na Borna e linda, entre outros, con montes de "Su Señoría" o marqués; ten trinta e dúas varas de lonxitude e oito de ancho: dous ferrados de pan. Así mesmo "afora y da en dicho aforamiento a Francisco de Meira, para el, su muger, hijos, herederos y quienes su derecho aya? la tomada que se dice do Caeyro", con casa e curral, que linda con outras terras que tamén pertencen ó marqués de Valladares e vizconde de Meira e co camiño que vai a Domaio; o tamaño é de corenta e oito varas de longo por doce de ancho.

O foro é un contrato de cesión da terra por parte de grupos rendistas -nobres laicos, e sobre todo eclesiásticos- a campesiños ou sectores máis ou menos privilexiados, por un tempo definido, cunhas condicións ben especificadas que obrigan ás partes contratantes, e que estipula o beneficio do forista nunha participación proporcional á colleita ou renda fixa que o foreiro ou usufructuario do foro terá que satisfacer. E todos estes requisitos e/ou formalidades do réxime foral, incluídas a satisfacción dalgunhas cargas anexas como a lutuosa, á morte dos respectivos foreiros, aparecen recollidos no presente documento.

Neste sentido pódese ler no mesmo: "Los quales dichos vienes(sic) afora a los susodichos en la manera que va declarado? y por las vidas de tres reyes o reinas que subcedieren en estos reinos de España", coa condición de non vender nin allear ditos bens nin parte deles, senón melloralos e perfeccionalos, de maneira que vaian en aumento e non en diminución. Francisco García e Pedro Garrido, as súas mulleres, fillos e herdeiros quedan obrigados a pagar segundo o presente contrato e por razón das tomadas que se lles aforan, cada ano polo San Martiño, unha renda de dez reais de vellón, mentres que Francisco de Meira, a súa muller e os seus, deberán pagar igualmente, por razón do que aquí se lles afora, a cantidade de cinco reais da moeda anteriormente citada, e tamén na data fixada para os dous primeiros foreiros -día de San Martiño- cos seus consortes, fillos e herdeiros.

Así durante as vidas de tres reis ou raíñas de España que se sucederen no trono, comezando a primeira na do rei Carlos II, quen ocupaba este trono aquel 9 de xuño de 1690.

*Profesor de Historia, veciño de Meira

Compartir el artículo

stats