O Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo de 18 de novembro de 1918 é un texto articulado de bases constitucionais para un futuro autogoberno de Galicia. O artigo 3 do apartado V ("custiós xurídicas") establecía: "A publicación das leis farase no idioma galego". Un precepto que non recolleu o Estatuto de Autonomía para Galicia de 1981. Os asinantes daquel manifesto eran conscientes de que desta maneira habíase prestixiar a lingua galega.

Por certo, habían ter que pasar moitas décadas para que aquela arela se materializase. Foi en 1984. Por entón a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) fixera todo o posible para que tanto o Diario Oficial de Galicia e o Boletín Oficial do Parlamento se editasen únicamente en lingua galega. Porque considerábamos que só así poderiamos conseguir que os funcionarios das corporacións locais e da nacente administración autonómica se familiarizasen con ela e se avezasen no seu uso, oral e escrito. Grazas á demanda da asociación e a receptividade de Xosé A. García Cotarelo, secretario xeral técnico da Consellería da Presidencia, a partir do 3 de xullo de 1984 publicouse o diario oficial unicamente no noso idioma, abandonando o costume de facelo a dobre columna. Conseguido este obxectivo non foi difícil convencer a Antonio Rosón, presidente do Parlamento de Galicia para que o boletín oficial da institución secundase o exemplo do da Xunta de Galicia.

Mentres outras asociacións que traballaban por normalizar o uso da lingua galega cultivaban o mito do imposible, a AFNLG optou por outro camiño máis eficaz: con intelixencia derrubar barreiras, facendo realidade a máxima de opoñer ao pesimismo da razón o optimismo da vontade. Anos máis tarde habían conseguir que varios grupos parlamentarios de Catalunya e Euskadi apoiasen outra proposta para que o BOE fose editado en galego, catalán e euskera.

Nesa liña de perseverancia nos intentos de galeguizar a Administración de Xustiza, a Irmandade Xurídica Galega celebra o seu capítulo anual en Monforte de Lemos, a vila que acolleu en 1922 a celebración da IIIª asemblea das Irmandades da Fala, cun amplo programa contando coa colaboración do Concello. O día 10, ás oito do serán, o catedrático de Dereito Xosé A. Gómez Segade impartirá unha conferencia sobre as Irmandades no auditorio municipal, seguido dun concerto da agrupación coral da vila e o zanfonista Francisco Almuiña. Previamente, ás sete da tarde, descubrirase unha placa que perpetúe a memoria do notario Manuel Banet Fontenla, cofundador das Irmandades; e o sábado día 11 celebrarase o acto no que ingresarán na Irmandade Xurídica Galega unha nova fornada de xuristas dispostos a galeguizaren as súas actividades profesionais.

Asemade, será presentado o libro "Os xuristas das Irmandades da Fala", que recolle as achegas do avogado e profesor da Facultade de Dereito de Ourense Xosé Manuel Pacho, dos escritores Henrique Harguindey, Xulio Ríos, Manuel Roca e Xurxo González. Complétase o volúme coas colaboracións dos xuíces Luís Villares, Dalila Dopazo, Sandra Piñeiro e do presidente da Irmandade Xoaquín Monteagudo. A edición desta obra é unha colaboración da Deputación de Pontevedra.

Para a Irmandade Xurídica Galega a normalización do noso idioma nos usos xurídicos será posible na medida na que se impliquen neste proceso moitos actores: funcionarios, operadores xurídicos, corporacións locais e usuarios das oficinas xudicais. Sendo como somos un pais de pequenos propietarios, aínda son poucos os protocolos notariais redactados na nosa lingua. Cómpre que haxa máis vontades por galeguizar as escrituras públicas e testamentos, estendendo tamén o uso nos escritos de demandas perante os órganos xurisdicionais, solicitando deles a reciprocidade. O artigo 7.2 da Lei 3/1983, de normalización lingüística ampara ese dereito ("o interesado terá dereito a que se lle notifique na lingua que elixa"). As asesorías xurídicas das corporacións locais deberían ser exemplares, como o son os e as integrantes da Irmandade Xurídica Galega.

*Presidente do Foro E. Peinador