Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Alma llanera

Segundo un informe reservado ao que este, seu, modesto cronista tivo a oportunidade de acceder, acontece que, de se celebraren agora mesmo eleccións xerais na República Bolivariana de Venezuela, velaí que Ciudadanos viría ser a formación que recollese un maior número de votos no país irmán, resultando ser a forza vencedora en cidades como Valencia, Barquisimeto, Maracay ou San Cristóbal, ben por enriba de Felipe González e o grupo Prisa; así mesmo, a formación laranxa triunfaría amplamente nos estados de Zulia, Falcón, Miranda e Apure, e apuntando ao máis alto no Distrito Capital e Barinas, á par de Eduardo Inda e Francisco Mahruenda. Como se bota de ver, todo que se di un exitazo; de certo, xa está demorando demasiado D. Mariano Rajoy en volver reunir o Consello Nacional de Seguridade!

Política ficción? Pura e dura brincadeira, retrucan? Pois pode que si e pode que non. E é que, de non ser digno de creto, daquela, o referido informe reservado..., o caso é que xa me dirán vostedes, pois, cal resulta ser de veras o obxectivo desa singular viaxe que D. Albert Rivera Díaz vén de efectuar á patria de Antonio José de Sucre, Simón Bolívar, Carlos "el chacal", Dayana Mendoza e/ou Hugo Chávez. E, a ver: quede pefectamente claro, tamén e desde xa, que o Sr. Rivera ten todo o dereito do mundo -faltaría máis- de acudir alí onde lle pete e lle pareza pertinente; ao fin e ao cabo, se outras xentes peregrinaron no seu día a terras caraqueñas en apoio, exaltación..., epifanía do chavismo, por que non habería de efectuar un semellante percorrido o noso personaxe na defensa e a aperta dos seus opositores? Dito/escrito ás bravas: cadaquén é moi libre de rascar onde lle vaia picar.

Agora ben; D. Albert Rivera non vén ser -por máis que forme parte de C´s- iso mesmo: un cidadán particular calquera. Ben polo contrario, trátase de alguén que pretende, nin máis nin menos, que acceder á Presidencia do Goberno español ou, no seu defecto, condicionar de forma decisiva as políticas seguidas por aqueloutro que chegue a ocupar tan alta maxistratura. Traducido: para alén de todas as xenerosas ofertas solidarias, máis aló das preocupacións humanitarias e da procura dos dereitos civís; fóra desoutra afección por aprender a bailar o joropo andino e/ou darlle a un "moradito" ou a un "parchita" en Illa Margatita, acontece que, entre as súa responsabilidades, o Sr. Rivera ten/comparte esa mesma de participar activamente no deseño, traxecto... pragmática da política exterior de España (iso si: se tal "hubiera/hubiese" realmente); xa que logo, a que curioso xogo estamos a xogar?

Contemplado desde esta beira do Atlántico, non cabe dúbida de que as terras de Bolívar non son/non poden devir un país calquera para nós; ben polo contrario, trátase dun espazo onde a presenza española amosa intereses de todo tipo e que cómpre cuidar, daquela, con especial atención e boa man. Isto é, talmente como sucede (debería suceder) con México, Arxentina, Uruguai, Cuba, Guatemala, Colombia, Ecuador, Perú..., o que aconteza/deixe de acontecer neses lugares non pode resultarnos alleo en ningún caso. Pois ben; precisamente por iso mesmo non deixan de causar abraio determinadas actitudes e comportamentos de parte dos políticos que nos representan/buscan representar como así mesmo do lado dalgúns (autoproclamados) creadores/líderes de opinión e medios de comunicación. E é que, a pouco que nos deteñamos a visionar algunha canle televisiva -a pública á cabeza, desde logo- e/ou a repasar as páxinas de certos xornais, poderemos comprobar doadamente como as noticias procedentes de Caracas non só é que interesen, preocupen e apaixoen por estes pagos, senón que chegan a ocupar. día si e día tamén, minutos e máis minutos de telediarios, debates, programas especiais.... como asemade de páxinas e páxinas de "internacional", "opinión", "reportaxe"... e, clave das claves, de "nacional". Tanta e tanta vén sendo a "venezolatine" que, ao paso que estamos, é moi probábel que "sociedade" se encargue de dar conta puntual do concurso para Miss Cumaná; que en "deportes" lle dediquen os seus titulares ás últimas fichaxes dos Criollitos de Tinaquillo e/ou dos Cimarrones de Yaracuy e, en fin, que a sección de "meteoroloxía" informe de nubes e claros, con chuvascos débiles ocasionais, para a fin de semana, en toda a Rexión de Los Llanos. Con dúas ou tres telenovelas en curso, xa só faltaría que D. Bertín Osborne -ese filósofo de garda e masterchef de luxo- nos ensine como incendiar por completo, plantarlle lume fatal a unha cociña de vitrocerámica en Maracaibo ao tempo que desafina "Alma llanera". Pero vaia; de certo que todo se andará.

Iso si; mentres tales cousas acontecen -ou están para acontecer- da outra beira do mar océano, continuamos sen noticias de Podemos-EU. E, se o plasma da Moncloa quere, tampouco de España.

Compartir el artículo

stats