Fai un par de días entregábanse no Concello de Oleiros as Bandeiras Azuis do 2016 coa vergoñante ausencia do alcalde do Concello do Grove.

Nunha penosa demostración máis da súa arrogancia desbota o diálogo coa fundación Adeac nunha clara manobra política para envolverse coa bandeira grovense e tentar demostrar así a súa enérxica defensa do noso.

Este posicionamento, que visto dende ese ángulo poidera parecer moi loable, conta con máis aristas e o único certo é que para poder presentarse como o defensor dos nosos intereses é capaz de deixarnos sen bandeiras ou sen calquer outra cousa, como sucedeu co Obradoiro de Hostalería da Lanzada.

Este egocéntrico proceder está facendo moito dano ao noso concello, que cada vez está más illado, máis só.

As relacións cos demáis concellos e outras institucións (mesmo a Deputación agora gobernada polo PSOE) non son todo o estreitas que nos interesaría como concello, e esto non é un gratuito comentario duns adversarios politicos, senón que a queixa é frecuente escoitala a compañeiros socialistas.

Prima na súa conduta moito máis, o interese partidista e persoal (a anclaxe no sillón) que o interés colectivo dunha vila que no eido turístico ten un dos seus principais valores.

Este falso patriotismo, creando incluso problemas onde non existen para logo ter "que salvarnos deles", é propio de gobernantes que non ven máis alá do colo da súa propia camisa.

Non necesitamos salvadores, necesitamos xestores que se ocupen e preocupen de solventar situacións complexas como a provocada polo outorgamento das bandeiras azuis deste ano.

Aínda compartindo o fondo do asunto, como é que a praia e mailo istmo da Lanzada son claramente, sen ningunha dúbida, terreos de titularidade grovense, rexeitamos e denunciamos públicamente as formas que están a provocar, un tras outro, problemas aos intereses mecos.

Durante os anos de gobernos populares esto nunca aconteceu. O diálogo, non o enfrontamento e a mesura, e endexamais a arrogancia, presidiron as relacións con tódolos estamentos cos que o concello debe manter contactos, aínda en situacións difíciles.

Desprezar agora estes galardóns, tratando de restarlles importancia cando sempre os estivemos ensalzando, presumindo deles, ofertándoos como garantía de calidade e esforzándonos para conquerilos, é insultar a intelixencia dos grovenses.

Sinalar culpables a sabendas de que non o son (a Xunta non é quen outorga estes recoñecemtos) é miserable, e tamén a proba de que o interés do alcalde neste asunto é encherse dese falso patriotismo e non o interese xeral.

Veciños e sobre todo, os profesionais do sector turístico, non merecemos este trato de quen debera ser o noso principal representante. Non vale o argumento de apoio do sector porque non o tén. O sector turístico e dos servizos, nos que a imaxe é tan importante, non se ve representado neste xeito de proceder. Outra maneira de gobernar é posible e eso é o que esiximos do alcalde. Non poden as súas exasperadas actitudes botar por terra o traballo de tantas persoas durante tantos anos.