tribuna del lector

O diccionario de Franco Grande que nos fixo máis galegos

02.06.2016 | 02:25
O diccionario de Franco Grande que nos fixo máis galegos

Os que pasamos dos sesenta lembramos unha Galicia maioritariamente monolingüe e os efectos perversos dun ensino impartido exclusivamente en castelán por mestres que prodigaban os complexos lingüísticos dos galegos que non tiña outro medio de expresión que a tradición oral. Eso si, resistía nalgúns letreiros de tabernas con nomes evocadores: O'Refuxio, A'Regadeira, A'Chavola, O'Cunqueiro, O'Muiño, que nalgúns casos completábanse anunciando con letra miúda: "viños e comidas"; tabernas nas que se cantaban en improvisados orfeóns cantigas populares.

As parroquias periféricas das grandes urbes foron os escenarios nas que con maior virulencia se amosou o andazo da diglosia que minou a autoestima de moitas xeracións. Falar castelán era un síntoma de distinción como "facer casa na carretera".

Eu son dunha xeración de mozos que vivíu esa guerra idiomática sibilina aos que se lles inculcaba o castelán, que falabamos inzado de galeguismos. Encetabamos o pan, guindabamos a pelota despois de canearmos con elas, que faciamos con trapos de roupa vella gardada no faiado. Chamabámoslle poalleira a unha maneira de orballar, que doutro xeito non sabíamos definir o efecto atmosférico.Cando alguén desatinaba diciamos del que estaba guillado. Na miña casa, que antes fora taberna, había funís e billas. E no taller de carpintería do meu pai a trencha non tiña outra denominación, as fouciñas non eran hoces; da serra de volta descoñeciamos a denominación castelán. Tampouco o pauferro era palanca, coma o cabalete non era caballete. O meu avó cando quería facer algún traballo elevado montaba unha estada con dúas escadas cuxos chanzos termaban duns tablóns. Gustabanos coller no colo aos nosos irmáns pequenos.

Andabamos por camiños e canellas con cadanseu nome propio: maceiras, espiñeira,oliveira, riouxa, da bruxa, da fonte vella? Eran tempos nos que Galicia chegou a ter dez millóns de topónimos segundo o censo catastral.

Ese patrimonio léxico foi ameazado por esa guerra idiomática que tivo nas cidades os seus bastións, e que foi avanzando progresivamente a medida que ía asimilando a milleiros de galegos e galegas prendados pola cultura imperante do castelán, preocupados por educaren aos seus fillos no idioma do prestixio social, mentres os proxenitores seguían fieis ao idioma que recibiran dos seus pais.

A lingua galega aguantaba só nas zonas máis rurais. E nesto que a Editorial Galaxia encárgalle a Xosé Luís Franco Grande, que era xurista, poñer mans á obra para preparar un dicionario de 40.000 palabras. Debeu ser por volta do ano 1966 cando empezou a a traballar nel. Saíu do prelo en 1968 meses despois das mobilizacións estudantís da Universidade de Santiago, que supuxeron un fito importante na dignificación da lingua galega e a súa normalización no estamento académico. O dicionario, que fora pensado para cando se implatase en 1970 a lei Palasí que incorporou o coñecemento das linguas vernáculas no ensino, en cuxos debates participaron os procuradores en Cortes Xosé Filgueira Valverde e Antonio Rosón Pérez, foi de gran utilidade tamén para a galeguización na liturxia católica, que souberon aproveitar Manuel Casado Nieto, tradutor do antigo e novo testamento, e para o chamado movemento de cregos europeos que dinamizou o uso da lingua galega nas súas actividades pastorais.

Ninguén que teña memoria pode negarlle a Franco Grande o mérito de reconciliar a moitos galegos e galegas co seu idioma. Corenta e oito anos despois da súa publicación, a Fundación Lois Peña Novo, coa colaboración do Concello de Redondela e Secretaría Xeral de Política Lingüística, vanno homenaxear nun acto público o próximo día 6 coa descuberta dun monumento no paseo da Xunqueira.

*Presidente do Foro E. Peinador

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine