Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Para Os Ciclóns e Cándido Pena

Eran sons que se sumaban ao coñecido como "Maio francés" ou "Maio do 68", que aínda centrándose en París nos meses de maio e xuño do devandito ano, removeron conciencias a nivel internacional, perdurando asemade no tempo. Daquela emerxeron movementos dende todos os extractos sociais e, sobre todo culturais no mais amplo abano de manifestos, sendo no eido da música, acaso pola facilidade de difusión e intelixibilidade alén das fronteiras, onde o fenómeno se fai mais tanxible. Grupos musicais e cantautores, van ser quen de por en tea de xuízo o desenvolvemento sociopolítico da xeografía, na nosa tamén agroman voces que se enfrontan aos poderes, os primeiros pasos orientados á loita polas liberdades, voces ceibes que se resisten á represiva censura instalada no poder, voces e sons desconformes con todo o establecido. Nacía o fenómeno que ía transformar á sociedade. A agrupación Voces Ceibes, vai incorporar a Chuspe, Suso Vaamonde e Miro Casabella, na que se vai coñecer coma a nova canción galega, aos que se van sumar nesta andaina reivindicativa, Benedicto, Bibiano, Raimon, entre outros moitos, uns con creacións propias, outros musicalizando poemas de Celso Emilio, Bernardino Graña, Manuel María, Carlos Casares, Alexandre Cribeiro,...

Porén, non debemos esquecer as agrupacións musicais que deron sentido igualmente ao noso lecer, grupos que nos aledaron en idílicos e nostálxicos ´guateques´, festivais e festexos romeiros e, ao tempo de ser sensibles coa realidade que se estaba a vivir nas nosas vilas, amosando a súa solidariedade coas familias menos afortunadas, a modo de exemplo, os festivais benéficos en apoio ás familias dos náufragos, que daquela non eran poucas, actividade que se viña realizando no xa desaparecido cine de Leta.Estou a me referir ao Grupo Os Ciclóns.

Toda unha gratificante sorpresa a recibida cando xa concluíamos unha xornada de actividades varias e nos dispoñiamos ao merecido lecer. Unha maiúscula emoción foi apoderándose de cada un dos presentes ata lindes insospeitados. Soaban as primeiras notas que foran quen de nos transportar a un pasado ateigado de lembranzas, de vivencias imposibles de esquecer, sons que nos marcaron e seguen emocionándonos, pertencentes a unha etapa das nosas vidas, dunha época pouco doada. No escenario, catro músicos dispostos a nos mergullar en tempos pasados e inesquecibles: Os Ciclóns, que logo do paso do tempo, rexuntábanse para seu e noso disfrute, interpretando aos Brincos, Formula Quinta, Bravos e, varios outros da época. Conformados por Fonso e Enrique nas guitarras, Emilio no baixo e, un novo compoñente, Fernándo na percusión, non precisaron de outros artilúxios para, maxistralmente nos agasallar co seu bo facer, para nos invadir de ledicia e, nos pasear polos anos sesenta e setenta, coa conseguinte renacencia e nostalxia de tempos que so se repiten dende o imaxinario e, da man destes espectáculos. Aplaudir asemade, a frescura da posta en escena, o que reflicte o amor e paixón que vos move a continuar con tan fermosa tarefa, que abofé non estará ausente de entrega e sacrificio.

Abondosas son as maneiras de se expresar culturalmente e, sen dúbida esta é irremediablemente unha delas, polo que debo e así é, agradecer a estes clásicos, aos Ciclóns, a súa xenerosidade por ser quen de nos seguir emocionando, que é unha maneira de se sentir vivos.

Non sería xusto concluír este atrevemento de me expresar de maneira ceibe, sen facer referencia e asemade agradecer, ao incombustible Cándido Pena ´Chiño´, por todo o seu labor a prol da recuperación e potenciación artística e cultural, recreándonos coma nesta oportunidade cun grupo senlleiro e do pobo, como Os Ciclóns, senón que asemade polo seu afán de recuperar e potenciar costumes, músicas tradicionais, canción protesta, como a vindeira velada e, en definitiva, manter viva a nosa e universal CULTURA e, con ela, a defensa dunha sociedade mais xusta e humana.

(*) Artista de Cangas

Compartir el artículo

stats